O BNG pide aclaracións ao Concello sobre a retirada de amianto

Alertan que o pavillón da Florida conta na actualidade con este tipo de material
Pavillón da Florida. DS
photo_camera Pavillón da Florida. DS

O BNG de Sanxenxo pediu ao Concello unha aclaración sobre se está dando cumprimento á Lei 7/2022 do 8 de abril de Residuos e Solos Contaminantes para unha Economía Circular, segundo a que debe elaborar un listado de equipamentos municipais con cubertas de amianto para a súa posterior retirada. Neste sentido, alertaron dende o grupo nacionalista, o pavillón da Florida conta actualmente con este tipo de material.

Dende o BNG afearon que, se ben o partido non recibiu aínda aclaracións tras unha petición formulada por rexistro, "parece claro que o censo que esixe a normativa non foi elaborado". O seu voceiro, Francisco Leiro, considera "especialmente grave este feito", xa que "o amianto é un material nocivo e neste caso estamos a falar dunha instalación que é utilizada polo alumnado", e lembrou a necesidade de acometer a reforma integral do pavillón.