O BNG acusa a Martín dunha "pésima" xestión da sentenza da finca de Rocafort

Os nacionalistas advirten que a situación leva anos afectando "ás arcas municipais"
(_LO_8716.JPG)  Salnes Casa Mariñeira de Portonovo 12 00h Presentacion de Fran Leiro candidato do BNG Estaran Ana Miranda e Montse Prado13536
photo_camera Fran Leiro, voceiro do BNG de Sanxenxo. DS

O BNG de Sanxenxo vén de acusar ao alcalde do municipio, Telmo Martín, de "hipotecar á veciñanza e ao Concello" coa xestión da sentenza da finca de Rocafort. O grupo nacionalista califica de "pésima" a xestión municipal neste eido.

Denuncia o Bloque que a sentenza pola expropiación dos terreos da finca das Cunchas, pertencentes á familia Rocafort, leva anos "afectando ás arcas municipais". "E neste 2024, a situación, lonxe de mellorar, aínda se agravará máis".

Así o advirte o voceiro nacionalista, Fran Leiro, que recorda que o Orzamento deste ano, que irá a Pleno este luns, contempla unha partida de preto de 7 millóns de euros para facer fronte aos custes xudiciais.

En total, este proceso suporá un custo de 13 millóns de euros, o que subliñan os nacionalistas, supón máis do triplo do necesario, "só debido ao ego e á incapacidade de xestión do señor Telmo Martín". Leiro recorda que nos últimos anos o Concello pagou tres millóns de euros, aos que hai que sumar preto doutros 10. "O PP solicita fraccionar o pago da contía pendente en 8 anos. En caso de que se conceda, serían máis de 900.000 euros anuais, aos que hai que sumar outros 350.000 euros polos xuros", avisa o concelleiro do BNG. Deste xeito, o Concello, engaden, tería que facer fronte a gastos de máis de 1,2 millóns de euros anuais durante 8 anos só para cumprir coa sentenza do ‘caso Rocafort’.