"A Biblioteca de Sanxenxo é un espazo vivo, con 40 persoas cada día"

MES DAS BIBLIOTECAS ▶ O servizo bibliotecario en Sanxenxo vén de facer 35 anos de historia nun panorama que mudou moito da man das tecnoloxías e dos hábitos sociais. Rosa María Otero, a bibliotecaria máis veterana do municipio, é a testemuña máis directa dun crecemento que, grazas á dinamización, continúa sumando unhas 15 altas á semana  
A bibliotecaria Rosa María Otero na Biblioteca de Sanxenxo, ubicada en Miraflores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A bibliotecaria Rosa María Otero na Biblioteca de Sanxenxo, ubicada en Miraflores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Para Rosa María Otero, o traslado da Biblioteca de Sanxenxo dende o antigo baixo ubicado na Rúa de Madrid ao Pazo Emilia Pardo Bazán de Miraflores en 2002 foi como pasar "dunha pensión a un hotel". A nai das bibliotecas sanxenxinas abriu ao público en setembro de 1987 e, dende entón, viu pasar xeracións de estudantes, lectores e, agora, opositores polas súas dependencias antigas e novas. Rosa María, máis coñecida como Rosi, chegou xusto un ano despois, en 1988 e, dende ese momento, converteuse no piar fundamental, na memoria viva e tamén na árbitra das instalacións. "Dende que nos trasladamos a Miraflores temos unha parte infantil e a sala xeral, nun espazo común no que teñen que convivir estudantes, lectores, pais con nenos e nenos sós. Hai días que os estudantes protestan máis, pero vaise levando e non hai queixa. Todos os nosos usuarios son magníficos", asegura.

Os seus ollos foron as testemuñas máis directas dunha evolución sen freos á que se adaptou sen dubidalo. "Cando eu comecei na biblioteca non había nin teléfono, nin moito menos ordenadores. Fomos cambiando segundo as necesidades, tamén no que respecta ao horario. Traballabamos moito no verán para os estudantes, que agora xa non teñen os exames coma antes", explica. O cambio dos hábitos sociais, estudantís e laborais foi, precisamente, un dos factores que mais marcaron o rumbo das instalacións. "Agora a xente vén a traballar á biblioteca. Veñen cos ordenadores e piden silencio aos usuarios que fan outro tipo de usos da biblioteca, coma o préstamo de libros. Imos compaxinando todo pouquiño a pouco", engade.

Actividade para bebés na Biblioteca de Sanxenxo. DS
Actividade para bebés na Biblioteca de Sanxenxo. DS

A irrupción das actividades de dinamización e a renovación constante do material foron outros cambios decisivos ao longo da historia da biblioteca sanxenxina, que permitiron mellorar o seu funcionamento e atraer público e usuarios ás instalacións. "Cando eu comecei non había nada disto. Lembro unha actividade en todo o tempo que estiven na biblioteca vella, e a compra de libros era case nula, nin por parte do Concello nin dende algún outro organismo. Hoxe en día o Concello danos un orzamento e temos subvencións da Xunta, igual que pasa coas actividades. Agora o Concello tamén participa nestas actividades dende a Concellería de Cultura con eventos propios e tamén mediante subvencións", explica. De feito, só ao longo deste Mes das Bibliotecas que se está a levar a cabo en outubro, entre as tres bibliotecas do municipio suman sete actividades orientadas a públicos moi diversos. A última que se levou a cabo nas instalacións de Sanxenxo, pensada para bebés dende poucos meses de idade, "funcionou moi ben, todos os bebés tiñan os ollos ben abertos, coma se estiveran mirando un mundo novo", asegura a bibliotecaria. 

A REDE. A ampliación dos servizos bibliotecarios no municipio coa creación da Biblioteca de Portonovo en 1995 e, posteriormente, a Biblioteca de Vilalonga en 2003, supuxo "avorecer o acceso dos usuarios a nivel de servizos, porque case en cada núcleo hai unha biblioteca", se ben algúns frentes móstranse tamén a favor da centralización do servizo cunha maior marxe de horarios.

Actualmente, a Rede de Bibliotecas de Sanxenxo conta cun fondo de aproximadamente 46.000 volumes para 22.500 visitantes, cunha media de 800 usuarios e usuarias activas en total e 12.400 préstamos materiais.

CONTINUIDADE. Contrariamente ao que se poida pensar, non, os libros non están en decadencia. "Polo menos na biblioteca de Sanxenxo", observa Rosi. "Co libro electrónico pasou coma coas modas. Ao principio a todo o mundo lle parece ben, pero ao final acaban volvendo ao libro en papel. Neste intre, os e as preadolescentes están tirando moito dos libros. Os adolescentes son os lectores perdidos, porque mentres son pequenos len moito, pero ao chegar ao instituto absórbeos e deixan de ler. Pero si que está habendo unha pequena recuperación con certo tipo de libros, como é a novela romántica xuvenil, a novela fantástica, que está tendo bastante tirón entre a xente nova e, por suposto o cómic clásico pero, por riba de todo, o manga. Están triunfando dunha maneira impresionante entre os nenos", asegura.

Estudantes na Biblioteca, este mércores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Estudantes na Biblioteca, este mércores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Así, na listaxe dos mais lidos na Biblioteca de Sanxenxo álzanse La bestia, El libro negro de las horas ou La ladrona de huesos e, en galego, destacan autores e autoras coma Domingo Vilar, Eva Mejuto con 22 segundos, Ledicia Costas e, entre a cativada, a saga Mortiña.

Precisamente, explica a bibliotecaria, no que respecta ao público novo, "levamos moitos anos dende o equipo de animación e dende o equipo de bibliotecas facendo actividades, sobre todo cara escolares e adolescentes. Agora co programa ‘Ler conta moito’ focalizamos mais e traemos tamén contadores de contos de fóra ou obras de teatro, e están respondendo moi ben. A xente vén e queda contenta".

Segundo a bibliotecaria, lonxe de decaer a actividade, a biblioteca de Sanxenxo "é un espazo vivo. Esta semana por exemplo foi un non parar, con máis de 40 persoas cada día. No verán temos outro tipo de público, pero cando comeza o inverno hai estudantes, opositores, nenos que veñen a buscar libros, pais con nenos contando contos, xente maior, recén xubilados... A Biblioteca sí que se usa".

Tanto é así que na Biblioteca de Sanxenxo estiman unha media de entre 10 e 15 altas de carnés á semana. "Agora estamos na Rede de Bibliotecas de Galicia e damos tamén servicio á xente dos concellos limítrofes, non só aos nosos usuarios de Sanxenxo. Veñen de Pontevedra, Cambados ou O Grove. Isto é unha comuna xa, está funcionando moi ben e o normal é ter xente e que o servicio se use a todos os niveis", asegura.

Por iso, para a bibliotecaria, o máis importante é a constante renovación de material. "O que quere a xente son libros novos. Tamén utilizan os do fondo, pero cando hai novidades veñen buscalas".