A Biblioteca de Portonovo acolle a estrea de ‘Mariposario’ o vindeiro 9 de febreiro

O libro promete sorprender ao lector pola súa calidade literaria e as sensacións visuais e tamén auditivas, a través dun código QR

O libro, escrito por Sara Fernández e ilustrado por Andrea Area. DS
photo_camera O libro, escrito por Sara Fernández e ilustrado por Andrea Area. DS

A Biblioteca de Portonovo será, o vindeiro xoves 9 de febreiro (19.00 horas), o escenario da presentación de ‘Mariposario’ a obra debut da autora grovense Sara Fernández Lores, que recolle un compendio de microrrelatos inspirados na súa vila natal. E non só. O libro, que contén 32 experiencias que falan da ledicia, da soidade, do amor ou da tristura, está ilustrado en acuarela pola creadora e artista visual Andrea Area, natural de Portonovo.

‘Mariposario’, que promete sorprender ao lector pola súa calidade literaria e as sensacións visuais que amosa a través das ilustracións, tamén destaca pola posibilidade de escoitar da voz da autora e da ilustradora todas as historias acompañadas por música, efectos especiais e moita emoción, a través dun código QR inserto en cada un dos relatos, para que o lector teña a posibilidade de escoitalo.

PARA MIGUEL. A obra lembra a memoria de Miguel Fernández Lores, irmán da autora e deportista grovense na disciplina de remo, que faleceu en 2007 nun accidente de tráfico en Asturias aos 26 anos.