O bar da lonxa de Portonovo volve á actividade tres anos despois do peche

O espazo, que abre dende este xoves as súas portas as 24 horas, foi obxecto dunha reforma integral. A nova concesionaria designada por Portos manterá as tapas e bocadillos característicos do local
O persoal que dará servizo aos mariñeiros. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O persoal que dará servizo aos mariñeiros. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

No renovado Bar Lonxa de Portonovo non se chegaron a instalar as reixas na porta de entrada. "Decidimos non poñelas porque nunca vai estar pechado, era un gasto innecesario para non baixalas". Quen o explica é o redactor do proxecto, Elías Calvo, que forma parte do equipo humano que conseguiu botar a andar o espazo tres anos despois do peche, e que supón un servizo imprescindible para os mariñeiros que faenan na zona. A ausencia de reixas é toda unha declaración de intencións que indica que, tal e como se facía varios anos atrás, o bar estará operativo as 24 horas.

Cabe lembrar que, despois de que a anterior concesionaria colgase o cartel de "pechado por xubilación", eran outros bares da zona os que tentaban alongar o horario para dar servizo aos mariñeiros, que arrastran esta carencia dende hai anos, se ben a pandemia agravou a situación. Así, e despois dunha reforma integral, levada a cabo despois dun proceso que tamén se dilatou a causa da pandemia, o espazo inaugúrase este xoves, a partir das 20.00 horas, e xa non volverá pechar. "Continuará aberto as 24 horas dos 365 días, como facía antigamente, e como pedía Portos", asegurou Calvo.

Para levar a cabo o proxecto, dúas entidades, unha adicada ao sector hosteleiro, e outra á promoción de negocios, constituíronse en UTE, tal e como avanzara este xornal o pasado ano. Casa Marín S.L. e Global Desliz S.A. asumiron os parámetros designados pola concesión, que será a 38 anos, no que se refire ao mantemento dos prezos reducidos, o servizo, a remodelación e a eficiencia enerxética, entre outros. Neste sentido, acadou o primeiro posto no concurso con diferenza, que se licitou en plena pandemia, en xuño de 2020, resolvendo as conclusións no mes de setembro. Tras unha reclamación por parte do segundo concursante e posterior xustificación, adxudicouse definitivamente a concesión, e o groso das obras comezou en decembro de 2021.

GRANDES CAMBIOS. A reforma do Bar Lonxa supuxo "unha obra importante, na que, por exemplo, pasouse de pequenas ventaíñas a ventanais", explicou o redactor do proxecto. E non é para menos, xa que, tal e como asegura, o espazo levaba "uns 40 anos sen reformarse". Neste sentido, cambiouse toda a estrutura do antigo bar para facelo "máis cómodo para a xente", así como a instalación da fontanería ao completo. Entre as grandes novidades, destacan a adaptación da barra para persoas con mobilidade reducida e, pensando tamén nos mariñeiros xubilados que adoitan reunirse na praza do porto, habilitouse tamén barra directa ao exterior. «Déuselle tamén prioridade á terraza, facéndoa máis acolledora para poder expandir o espazo dispoñible no bar», explicou Calvo. Para que todo isto funcione, o local conta cunha gran plantilla distribuída en tres quendas de camareiros, cociñeiros e un servizo de limpeza.

MENÚ TÍPICO E ACTUAL. A nova concesionaria tratou de conservar o menú característico da cantina, que contará con racións de zamburiñas, polbo, navallas, "e tamén os famosos bocatas de xamón asado". Todo isto, explicou Calvo, "combínase cun menú máis actual", e tamén conta cunha bodega de cervexa.

Nos últimos tempos, tal e como salientou o redactor do proxecto, " pregunta que nos repetía a xente era que cando abría o bar". Agora, xa ten resposta.