As obras da senda peonil no enlace da autovía do Salnés coa PO-504 comezarán en setembro

Esta obra, adxudicada pola Xunta por máis de 150.000 euros, posibilitará a execución dun itinerario accesible polo cal os peóns poderán circular en condicións de máxima seguridade
No ano 2021 xa se levaron a cabo obras de mellora na zona. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera No ano 2021 xa se levaron a cabo obras de mellora na zona. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Xunta adxudicou por 151.902 euros as obras de execución da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, entre O Vinquiño e Contumil, no concello de Sanxenxo. O investimento total da actuación ascende a 180.000 euros, tendo en conta as expropiacións dos terreos precisos para a súa execución.

Esta nova actuación, adxudicada á empresa Construcciones E.C. Casas, S.L., ten como obxectivo resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible nesa zona do municipio pontevedrés.

A previsión é iniciar as obras a finais de setembro, tendo en conta que os actos expropiatorios de levantamento de actas previas xa foron realizados e que a formalización das actas de ocupación está prevista para o vindeiro 19 de setembro. Prevese que os traballos estean rematados a finais de ano ou principios de 2024.

Concretamente, construirase un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude, para unir ambas as marxes da autovía AG-41 e resolver a barreira que supón para a mobilidade peonil pola alta densidade de tráfico que rexistra este enlace coa estrada autonómica.

O novo itinerario peonil partirá, nun primeiro treito, das beirarrúas existentes na marxe dereita da estrada PO-504 para chegar ata o paso inferior da autovía. Neste caso, adaptaranse para obter unha beiravía mínima de 0,7 metros.

No segundo treito, a senda continuará desde ese punto e facendo unha 'L', ata a glorieta inferior do enlace da autovía, comunicando o itinerario coa zona comercial e a estación de servizo.

Os traballos completaranse coa dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras no treito paralelo á PO-504.

Con estas obras, evítase o paso polo enlace da glorieta inferior de acceso a Sanxenxo, conseguindo así unha maior seguridade viaria para os peóns e garantindo unha solución técnica e viable a un problema de mobilidade peonil e de comunicación xa existente neste punto de acceso á vila onde, ademais, se atopa un importante núcleo de establecementos comerciais.