Árbores para reivindicar a mellora do sistema sanitario en Sanxenxo

A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo está a colocar adornos en forma de árbore por todas as parroquias do concello para visibilizar a situación do sistema sanitario público, e anima a asistir á concentración ante o Parlamento galego
Árbores decorativas coas que a Plataforma reivindica a sanidade pública. DS
photo_camera Árbores decorativas coas que a Plataforma reivindica a sanidade pública. DS

A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo está a colocar árbores da sanidade por todas as parroquias do municipio, co obxectivo de "visibilizar a necesidade da mellora do noso sistema sanitario público". Ademais disto, tamén está dispoñible no centro de saúde de Baltar un buzón para que todas as persoas que así o desexen poidan deixar as súas queixas e suxerencias sobre a situación e mellora da sanidade pública.  

Dende a Plataforma, ademais, quixeron mostrar o seu apoio á concentración que terá lugar este martes 19 de decembro (11.00 horas) ante o Parlamento galego, en Santiago de Compostela, en protesta "contra os novos recortes de recursos da Sanidade Pública Galega que supoñen os Orzamentos do 2024". Neste sentido, explicaron, "o Orzamento sanitario presentado no Parlamento pola Xunta de Galicia para o 2024 supón unha renuncia expresa a introducir as melloras que necesita a Sanidade Pública Galega para resolver os graves problemas que a afectan. Estes Orzamentos son unha aposta polo desmantelamento progresivo da nosa sanidade pública e acrecentan a desigualdade social". Representantes da plataforma sanxenxina asistirán ao encontro.