Andarela recupera a recollida das herbas de San Xoán "por todo o alto"

  ► A asociación agarda unha "gran asistencia" ao evento, que se celebrará durante a tarde do día 23, con saída dende a Cultural de Nantes ► Durante o percorrido reivindicarase tamén a preservación da Fonte de San Xoán
A recollida de herbas na última gran edición, en 2019. DS
photo_camera A recollida de herbas na última gran edición, en 2019. DS

A recollida das herbas de San Xoán regresa este ano ao municipio con forza, da man da Asociación Cultural Andarela, habitual organizadora, que nos dous últimos anos de pandemia viu mermar un evento que "adoita atraer a moita xente, sobre todo nenos e nenas, aos que lles encanta a actividade", explicou dende o colectivo Estrella Martínez. A recollida levarase a cabo a partir das 19.00 horas do día 23 de xuño, como viña sendo habitual, e terá o seu punto de partida na Cultural de Nantes, nas inmediacións do colexio.

Participantes na recollida de herbas. ARQUIVO/DS
Participantes na recollida de herbas. ARQUIVO/DS

Como non podía ser doutro xeito, o evento terá tamén un carácter reivindicativo, que pasará pola visibilización da Fonte de San Xoán, un humidal que nos últimos tempos está no punto de mira da veciñanza da zona a causa das obras na estrada de O Vinquiño-Contumil, nas inmediacións do enclave. Cabe lembrar que a Asociación Andarela rexistrou varias preguntas plenarias nos últimos tempos, e contactou con diferentes administracións para conseguir a súa posta en valor, así como do conxunto megalítico coñecido como Chan da Gorita, que tamén terá, tal e como aseguraron dende a asociación, "o seu protatonismo" durante a xornada, a través do Con da Romaíña, un dos elementos famosos na zona. Precisamente, en torno ao Con da Romaíña, abordaranse as diferentes lendas recollidas polo saber popular.

A xornada, coma todas as que adoita organizar a entidade, é de balde e para todos os públicos, e tamén se permiten animais con correa. Para a recollida de herbas, dende Andarela recomendan levar unha bolsa ou cesta, así coma un coitelo ou tesoiras.

O CACHO. Dende Andarela lembraron que son varias as herbas que se utilizan para facer o chamado cacho, sendo as máis coñecidas o tromentelo, a folla de cana, o choupo, a ruda, herba luisa, manzanilla, ortelán, miltrastes, fiunchos, herba de san Xoán e outras coma a espadaina, poenxo, herba lemona, lirio, romeo, ourego, loureiro, allo, rosas, follas de nogueira con tres noces, fento rizado, herba do Carme, silveira, folla de figueira, folla de olmo, folla de laranxeira, malva-rosa, hortensia ou a folla de viña branca.

Herbas de San Xoán recollidas nun dos roteiros. ARQUIVO/DS
Herbas de San Xoán recollidas nun dos roteiros. ARQUIVO/DS

Neste sentido, durante o roteiro, os asistentes aprenderán a diferenciar as máis coñecidas ubicadas en lugares estratéxicos xa coñecidos polas guías da asociación, e poderán configurar o seu propio cacho. Ademais, tamén coñecerán os diferentes rituais de San Xoán e a historia de O Santo, o entorno no que se emprazará a actividade.