Andarela organiza un obradoiro para facer pandeiretas de xeito artesán

A actividade correrá a cargo de Sanín Percusión Tradicional, e levarase a cabo o vindeiro sábado 18 de marzo, a partir das 17.00 horas no local de Regantes
O obradoiro desenvolverase en Nantes. DS
photo_camera O obradoiro desenvolverase en Nantes. DS

A Asociación Cultural Andarela impulsa un obradoiro dirixido a colectivos e persoas de todas as idades, de Sanxenxo e dos municipios veciños, que queiran vivir a experiencia de converterse en artesáns e artesás por un día, elaborando a man a súa propia pandeireta.

A actividade correrá a cargo de Sanín Percusión Tradicional, entidade adscrita a Artesanía de Galicia e especializada na elaboración, investigación, desenvolvemento e reparación de todo tipo de instrumentos de percusión tradicional, e levarase a cabo o vindeiro sábado 18 de marzo, a partir das 17.00 horas no local de Regantes (Contumil), na parroquia sanxenxina de Nantes. 

A participación no obradoiro terá un custe de 50 euros por persoa, e inclúe todo o material necesario para a elaboración da pandeireta. Neste sentido, dende a asociación explican que se algún alumno ou alumna estivera interesado en elaborar a súa pandeireta con ferreña de chapa de refresco ou cervexa, nese caso deberá avisar coa debida antelación e levar ao obradoiro 26 chapas xa limpas e sen o plástico interior.

Para asistir será preciso tamén realizar unha inscrición previa, xa que a actividade conta cun cupo máximo de participantes. Aqueles e aquelas interesados en participar ou en obter máis información, poden facelo no correo electrónico [email protected], deixando tamén un teléfono de contacto. A duración do mesmo será de tres horas.