Andarela consolida o roteiro da Santa Compaña e avanza a súa continuidade

▶ A cita contou coa participación de máis dunha vintena de ‘almas’ caracterizadas durante o percorrido, esta fin de semana na Lanzada
 
Algúns dos participantes na cita durante esta fin de semana. DS
photo_camera Algúns dos participantes na cita durante esta fin de semana. DS

A fin de semana marcada pola previsión de fortes choivas respectou durante todo o seu percorrido a Andaina coa Compaña organizada pola Asociación Cultural Andarela, que vén de cumprir oito anos sacando adiante esta iniciativa, dende os seus comezos no ano 2014. Cabe lembrar que a pandemia paralizou as últimas edicións polo que o éxito acadado este ano, coa participación de máis de 20 persoas caracterizadas ao uso da Santa Compaña, refrenda a aposta do colectivo pola tradición popular galega, cunha cita que se consolida definitivamente co obxectivo de recuperar as tradicións da zona vencelladas á morte.

Trátase dun encontro que esperta, cada ano, a curiosidade de veciños e visitantes, pois a peregrinación das chamadas ‘almas’ está necesariamente acompañada dunha caracterización do máis realista e lévase a cabo de noite cada mes de novembro, por ser este o mes adicado aos defuntos. Durante o percorrido, as ‘almas’ portan candís ou fachos para iluminar o camiño de xeito tradicional, e non está permitido o emprego de lanternas nin métodos máis modernos.

Nesta ocasión, os participantes na cita partiron ás 20.30 horas do sábado da praia da Lanzada, emulando unha procesión da Santa Compaña, para dirixirse ao entorno da capela, un dos puntos máis sinalados pola súa tradición no municipio. O itinerario continuou pola costa durante arredor de 90 minutos, para regresar posteriormente ao punto de inicio. 

Dende o colectivo, Estrella Martínez confirmou que a intención é continuar coa celebración desta cita anual no sucesivo, unha vez superado o parón da pandemia, polo que se agarda que cada ano incremente a súa participación. Trátase, ademais, dun evento xa amplamente coñecido no municipio, e que o pasado ano 2021 representou ao concello de Sanxenxo en Culturgal, levando á feira pontevedresa unha parte da cultura e a tradición sostida por un colectivo sen ánimo de lucro como é a asociación Andarela.