Unha aldea para vivir o rural: "sen querelo, fun pioneiro"

Aldea Bordóns non é unha casa de turismo rural, son catro ▶ O proxecto de Gerardo Salgueiro iniciouse no ano 95 e hoxe é o máis singular da zona
Gerardo Salgueiro. DS
photo_camera O creador de Aldea Bordóns, Gerardo Salgueiro, no xardín do complexo. ALBA MOLEDO UCHA

Cando Gerardo Salgueiro levou o seu proxecto de aloxamento rural á Xunta, nin sequera "tiña moi claro o que ía facer. Tiven as miñas dificultades, porque dixen que tiña catro casas e preguntábanme se ía facer catro casas de turismo rural". Pero, en realidade, o que Gerardo tiña entre mans era unha aldea.

A idea de crear Aldea Bordóns, situada no núcleo da parroquia de Bordóns (Sanxenxo), comezou en 1995 e, compoñente empresarial aparte, sempre tivo bastante máis de sentimental. "Eu nacín aquí, nesta casa verde, a casa dos avós", asegura. "O que quería era facer un conxunto con todas as casas. E saiunos ben, porque foi a primeira aldea que se rehabilitou en Galicia. Eu quedei satisfeito e a Xunta tamén, porque a partir de aí deu axudas para rehabilitar pobos no interior que estaban abandonados. Sen querelo fun pioneiro", recoñece.

NUNHA ROCHA. Entre as particularidades de Aldea Bordóns, hai unha que destaca. E é que as casas están construidas dentro dunha rocha natural, aproveitando as súas paredes. Así o destaca o propio dono, quen asegura que o conxunto, hoxe en día, "mantén a súa arquitectura orixinal". Na actualidade conta con seis habitacións distribuidas entre a Casa dos Avós, Casa da Carmen e Casa do Leiro. Cada casa ten a súa entrada independente, pero mantendo o antigo concepto: "que todos poidamos convivir xuntos como se facía antes nas aldeas", sinala.

Pero, sen lugar a dúbidas, unha das cousas que máis marabilla aos hóspedes que a visitan é "toda a vexetación e o entorno, xa que Aldea Bordóns está arrodeada do verde natural de Galicia", asegura Gerardo. "Está ben ubicada, a un quilómetro do núcleo de Sanxenxo, pero nun pobo tranquilo, e a xente que vén valora moito o contacto co medio rural", asegura.