A aldea de Nadal de Vilalonga regresa este ano cunha xornada máis de música

▶ Os beneficios recadados pola organización irán destinados de xeito íntegro á AECC de Sanxenxo
Ambiente na Praza Pública na pasada edición. DS
photo_camera Ambiente na Praza Pública na pasada edición. DS

A aldea de Nadal de Vilalonga, que o pasado ano conquistou a parroquia na súa primeira edición, volve para quedar, e con grandes novidades. Así, tal e como explicou desde a asociación organizadora Os Cruceiros, Marta Caneda, este ano engádese un día máis de celebración no que se levará a cabo un concerto con bandas locais que actuarán en beneficio do motivo solidario que impulsa a convocatoria. E é que, ao igual que o ano pasado a iniciativa naceu con esta vocación, este ano destinará os beneficios que se recaden á Asociación Española Contra o Cancro de Sanxenxo.

A cita cambia de ubicación ao aparcamento disuasorio fronte á alameda a causa das obras na Praza Pública e comezará o 3 de decembro

A causa das obras que se están a levar a cabo na Praza Pública de Vilalonga, a aldea de Nadal vese obrigada a cambiar de ubicación este ano. Así, desenvolverase no aparcamento disuasorio ubicado fronte á alameda. A programación arrancará o sábado 3 de decembro co ‘Nadalfest solidario’, a partir das 21.30 horas, que contará con entrada voluntaria para realizar donativos á asociación beneficiaria, a cargo dos grupos Cinco en Zocas, A Banda do Sequío, + Q Cantigas, Dj Manu e Bruno Canario. O domingo 4 de decembro haberá mercadiño solidario durante toda a xornada, que contará cunhas seis casetas do comercio local e varios adornos artesanais, no que os e as asistentes poderán realizar as súas compras de cara ao Nadal. Precisamente, un dos obxectivos da organización é tamén "dinamizar o comercio da vila e darlle un escaparate". De xeito paralelo, ás 11.00 horas partirá a andaina solidaria, cuxo donativo para mercar os dorsais dará dereito a participar no sorteo de agasallos doados polo comercio local que terá lugar posteriormente, ás 13.30 horas.

Precisamente, dende a organización destacaron a gran cantidade de doazóns por parte de 70 casas comerciais, coas que se lograron reunir uns 90 agasallos para sortear entre os participantes na andaina. Antes, ás 13.00 horas, Paco Vulkano amenizará a sesión vermú, que contará tamén cun polbeiro.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a asociación organizadora, Os Cruceiros, ofrecerá unha actuación para todos os que se acheguen á aldea de Nadal, que dará paso á visita de Papá Noel para os cativos e cativas a partir das 18.00 horas, cunha gran chocolatada e posto de churros para todos.

A organización anima aos asistentes a acudir vestidos ou con complementos que teñan que ver co Nadal, e prevé "acadar ou superar a recadación de 1.400 euros" que o pasado ano se destinou á Asociación Neen@s.