Ainhoa Fervenza (PSdeG-PSOE): "Non queremos un Sanxenxo copia de Benidorm"

Ainhoa Fervenza. DS
photo_camera Ainhoa Fervenza. DS

En que momento se atopa o PSdeG-PSOE de Sanxenxo?
No seu mellor momento dende hai 20 anos. Está reestruturado, con moitísima forza interna, coñecemento e ilusión. Despois da etapa na que estivemos gobernando con maioría absoluta non houbo outro momento mellor, esa é a verdade. Temos persoas capacitadas, comprometidas e con ganas de facer un proxecto a longo prazo. Estamos moi contentos.

As eleccións de 2019 significaron sacar a flote o partido. Que agarda deste 2023?
O obxectivo é medrar ata onde a veciñanza considere. O meu obxectivo persoal, evidentemente é ser alcaldesa. Imos medrar moito e o límite non o vou poñer eu. Existe unha alternativa real, que somos nós, cun liderado forte. Este PSOE non ten nada que ver co de hai catro anos. Pasou o tempo e aprendemos moito. A Alcaldía está aí, e vai depender da veciñanza.

As candidaturas en Sanxenxo reducíronse notablemente. Beneficia isto ao PSdeG-PSOE?
Aínda que si que nos axuda que haxa menos voto disperso, penso que tampouco terían cabida máis agrupacións. Cando existiron tantas forzas, era un momento de disgregación política en Sanxenxo, cun cuatripartito que desmontou a estrutura real, sen ningunha forza forte. Agora as cousas fixéronse ben, traballáronse. Canto máis agrupemos eses votos á esquerda que probablemente se perderan, mellor nos vai ir a todos se queremos desbancar á dereita que pesa tanto neste concello.

Canto máis agrupemos eses votos á esquerda, mellor nos vai ir a todos se queremos desbancar á dereita"

Ve posible unha coalición?
Eu téñoo clarísimo. Son unha persoa moi práctica e moi pragmática. Sei que imos medrar moitísimo, e tamén sei que BNG e PSOE somos dúas forzas que temos que ir da man. Aínda que teñamos formas de ver distintas a outros niveis administrativos, a nivel local hai poucas cousas das que podemos discutir.
Se se dera o caso contrario, pactaría co PP?
Nunca.

A creación de vivenda é un punto forte do seu programa. Como sacaría isto adiante?
O concello ten terreos suficientes para poder facer unha proposta ante a Xunta para xerar vivenda, principalmente de aluguer, ou para mercar. Temos terreos no Revel, onde están os centros educativos e o centro de saúde, e cremos que sería un lugar estupendo. Habería que modificar puntualmente o PXOM para convertelos en dotacións do Concello. E tamén temos o famoso SU-27, no que o Partido Popular di que se fará vivenda asequible intentando equivocar os termos. Dito así parece que vai ser vivenda pública, pero non. Será vivenda privada ao prezo de mercado que mellor lle veña ao construtor. As vivendas en Altamira están pendentes do convenio coa Sareb, asociado ao campo de golf do SU-14. Nós non estamos de acordo co campo de golf nin con promover dende o Concello 2.000 vivendas máis, cando xa temos un parque inmobiliario de 17.500 vivendas, das cales soamente habitamos persoas de Sanxenxo unhas 6.500. Todo o demais é para especular, vivendas baleiras e seguir fomentando un concello pantasma. Así seguiriamos medrando coma unha cidade sen orde.

Temos un parque inmobiliario de 17.500 vivendas das cales só habitamos 6.500. Todo o demais é para especular"

E que hai do turismo?
Temos que entender que Sanxenxo ten unha industria que se chama turismo. Outras persoas van vir dicindo que hai que promover o parque empresarial, pero é privado, con prezos que non poden competir con outros coma o do polígono de Barro, e como administración aí non podemos meter man. Sen embargo, co turismo, que é o 80% do noso PIB, si que podemos, para que medre dun xeito sostible, como turismo rexenerativo. É un turismo que goza da nosa gastronomía e patrimonio, de como somos. Non queremos un Sanxenxo copia de Benidorm nin de Salou. Temos dúas liñas para isto. A primeira é un programa estacional. A finais de setembro fariamos a Feira de Emilia Pardo Bazán, de carácter literario e costumista. Outra sería o Samaín. Eu quero que no Día dos Defuntos Silgar se converta nun referente a nivel nacional. Imos apagar as luces de Silgar, poñer farois, e baixar almas da Santa Compaña ás barcas. Para iso conto coas asociacións. No Nadal imos converter Portonovo nun punto de referencia para todos os que van ver as luces de Vigo. Haberá un Nadal costumista e folclórico. Ademais, o 14 de febreiro sería un día arcoíris, LGTBI, e na Semana Santa habería un premio de fotografía e outro de curtas. Que veñan aquí a grabar, e premiaremos eses traballos. No verán faremos unha campaña de postais de Sanxenxo, e Portonovo non pode ser unha copia de Sanxenxo. Quero recuperar o carácter mariñeiro, e converter unha antiga casa dunha pescadora en centro etnográfico. É un programa amplo, pero totalmente viable.

Que lle falta a Sanxenxo que soamente lle podería dar o PSdeG-PSOE?
Museos, a residencia da terceira idade, a vivenda pública, e o Pazo de Quintáns non pode ser un museo gastronómico. Telmo Martín quere externalizalo, pero nós imos facer un museo. Tampouco imos ter campo de golf, e polo tanto non desmontaremos o medio ambiente na zona alta, e en Portonovo, o Partido Socialista non fará o aparcamento soterrado. Será no Espiñeiro, polo que non se perderán as prazas en superficie no porto. Serán prazas sen custe, e planificarase sen bombas de fume. O Mercado de Sanxenxo con nós tampouco levaría ese soterrado, ou sexa que Telmo Martín xa pode correr. Nese Mercado fariamos o clube de xubilados, e tamén me encantaría que o clube de Vilalonga se trasladara ao antigo centro cultural, e o baixo do colexio de O Cruceiro sería para as asociacións, xa que moitas delas están vendidas.