Aberto o prazo para novas solicitudes na Escola de Música municipal

O centro imparte formación musical dende os 3 anos e oferta diferentes materias
Aula de la Escola de Música municipal de Sanxenxo. CONCELLO
photo_camera Aula de la Escola de Música municipal de Sanxenxo. CONCELLO

A Escola de Música municipal mantén aberto dende este luns o prazo de matriculación, ata o vindeiro 24 de xuño, para todas aquelas persoas, tanto nenos e nenas como adultos, que desexen solicitar praza por primeira vez no curso 2022/23.

A escola imparte unha formación musical inicial dende os 3 anos de idade e, a partir dos 7 anos, o alumnado elixe a súa especialidade instrumental entre as materias de oboe, frauta, fagot, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba/bombardino, violonchelo, contrabaixo, guitarra, piano e percusión. Tamén imparte ensinanzas de Linguaxe Musical, Guitarra e Piano para persoas adultas, sempre adaptadas ao seu nivel. As clases de instrumento son sempre individuais e, no caso de Iniciación Musical (3 e 4 anos), Música e Movemento (5 e 6 anos) e Linguaxe Musical (a partir dos 7 anos), grupais.

A actividade organízase en función do calendario escolar do Concello de Sanxenxo, polo que nos periodos de vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa, así como festivos e non lectivos marcados no calendario como oficiais, non se impartirán clases.

O impreso de solicitude está dispoñible na web municipal e tamén se poderá recoller no Pazo Emilia Pardo Bazán en horario de 8.00 a 14.30 horas e de 16.00h a 20.00horas, que se deberá entregar presencialmente ou no correo [email protected]. A adxudicación de prazas farase por rigurosa orde de entrega da solicitude.