Unha cita musical en solidariedade coa Asociación Neen@s

O colectivo celebra este sábado, 4 de marzo, un evento en As Canteiras, que contará coa actuación de +Q Cantigas, Xosé Iglesias 'Buxán' e diferentes actuacións corais
O local da asociación Neen@s atópase no número 13 da rúa Coruña, en Baltar. DS
photo_camera O local da asociación Neen@s atópase no número 13 da rúa Coruña, en Baltar. DS

A Asociación Neen@s de Sanxenxo celebra este sábado, 4 de marzo, un evento musical en clave solidaria cos seus asociados e asociadas, co obxectivo de recaudar fondos para a súa bolsa de becas, a través da que varias familias reciben apoio en diferentes áreas, para atender as necesidades específicas dos cativos e cativas.

A cita dará comezo a partir das 18.00 horas en As Canteiras, o local da Comunidade de Montes de Noalla, e alongarase durante toda a tarde con cinco actuacións e moitas sopresas para os asistentes. Así, subiranse ao escenario +Q Cantigas, o alumnado do CEIP Noalla-Telleiro, o Coro Infantil-Xuvenil ADCFILM, a Unión Coral Noalla-Vilalonga e Xosé Iglesias 'Buxán'.

O acto, organizado polo colectivo co apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo, estará conducido por Xulio González 'O Rubio' e alternará diferentes sorteos nos que os asistentes poderán gañar pases para hotel e spa, comidas, obradoiros, servizos de óptica, libros, bonos de perruquería, produtos de farmacia e incluso marisco e xoguetes, todo cortesía de empresas, particulares e do comercio local.