O Tinto de Barrantes nomea aos novos valedores nunha edición histórica

Nomeamento de valedores na Festa do Viño de Barrantes. RAFA FARIÑA

A xornalista Fátima Mella ofreceu durante o pregón 49 razóns para "gozar e seguir presumindo" da Festa do Viño Tinto do Salnés, que o vindeiro ano celebrará medio século de vida

A un ano de cumprir o seu medio século de vida, a Festa do Viño Tinto do Salnés celebrou o pasado sábado día 4 o seu día grande na que pode considerarse unha edición histórica, cun ambiente festivo e á vez profesional, que non lle ten nada que envexar ás edicións prepandémicas. No seu XLIX aniversario, o Tinto de Barrantes nomeou sete valedores, todos igualmente interesados no mundo do viño e que, coa súa actividade, contribúen a poñer en valor o produto.

Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés. RAFA FARIÑA

Manuel Piñeiro Paz, aos seus 83 anos traballa e cultiva con esmero uns viñedos que comezou a prantar nos anos 70; Mariano de Béjar Gallego é o encargado de elaborar as cuncas que son símbolo de identidade da celebración, dende hai máis de 30 anos; Carmen Abal Martínez leva arredor de 20 anos montando o seu stand na carpa de viños e o seu primeiro premio chegou en 1994; Manuel Barreiro Pombo é un colleiteiro apaixoado ao que lle gusta máis "o viño que a auga"; José Vila Noya, actualmente xubilado e de tradición familiar vitivinícola, adícase á cata e á investigación sobre a chegada das variedades autóctonas ao Salnés e a súa vinculación co norte de Portugal; José Meaño Lorenzo, veciño de Barrantes, pertence a unha familia con gran tradición vitivinícola, e aos seus 86 anos ten claro que o viño tinto é un dos remedios "dos que deberían falar nas farmacias", mentres que Manuel Oubiña Romero, de 91 anos, asegura tomar a diario o seu vaso de viño e goza dos paseos polos seus viñedos, ademais de ter participado en numerosos concursos da festa.

Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés 2. RAFA FARIÑA

Todos eles recibiron o diploma acreditativo de mans das autoridades durante a xornada de este sábado no acto no que estiveron presentes, entre outras autoridades, o alcalde de Ribadumia, David Castro; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a pregoeira desta edición, a xornalista da TVG Fátima Mella.

Pregón de Fátima Mella na Festa do Viño de Barrantes. RAFA FARIÑA

A pregoeira, pola súa banda, encandilou ao público coas súas 49 razóns para "gozar e seguir presumindo" da festa pola que, lembrou "pasaron por aquí persoeiros destacados e veciños que nunca serán esquecidos, como Os Tonechos, Isabel Risco ou Belinda Washington", gabando, ademais, o ambiente festivo, a gastronomía e a aqueles vencellados ao sector.