Ribadumia xa ten gañador do Concurso de Tapas e Petiscos da Festa do Tinto

O vencedor darase a coñecer o vindeiro sábado, 3 de xuño, no acto da cata final ▶ Os establecementos máis degustados foron o Náutico de Cabanelas, a Peneira e Os Castaños

Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés. RAFA FARIÑA
photo_camera Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés do ano pasado. RAFA FARIÑA

A primeira edición do Concurso de Tapas e Petiscos En Ribadumia, tapa o teu baldón, da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, chegou ao seu fin, pois xa hai un establecemento hostaleiro gañador. A puntuación final dos petiscos logrouse a partir dos votos do xurado profesional anónimo e dos clientes que visitaron cada establecemento e emitiron o seu voto empregando a folla de puntuación proporcionada.

Este certame celebrouse desde o 17 ata o 21 de maio, no que os clientes e veciños/as da zona puideron percorrer todos os locais hostaleiros participantes e degustar os petiscos a un prezo de 1,50€. O gañador do concurso será revelado o próximo sábado 3 de xuño no acto da cata final, arredor das 13.00 horas. O acto da entrega do premio de concurso de tapas será o culmen dun proceso de avaliación minucioso e xusto, que tivo en conta a creatividade, a presentación e a estética, os valores gastronómicos, a orixinalidade e a técnica e, por suposto, o delicioso sabor das tapas participantes.

O Concello de Ribadumia quixo destacar o alto nivel desta primeira edición do concurso, que foi todo un éxito grazas ó compromiso e a responsabilidade dos establecementos hostaleiros do municipio. En total, recolléronse os votos de 184 persoas, dos cales foron válidos 157. Os establecementos que recibiron maior número de votos e, polo tanto, os máis degustados pola veciñanza, foron o Náutico de Cabanelas, a Peneira e Os Castaños; nesa mesma orde.

Recoñécese tamén o labor do xurado profesional, cuxa experiencia e criterio foron moi importantes para elixir ó gañador, xa que a súa puntuación valía o 50% dos votos emitidos.