Ribadumia recoñece o valor e traballo de seis mulleres que romperon moldes polo 8-M

Ribadumia recoñeceu o labor de seis veciñas do municipio que racharon cos estereotipos de xénero para desenvolver as súas profesións. GONZALO GARCÍA
María Martínez, Silvia Martínez, Carmen Prado, Luz Cacabelos, Lucía Cacabelos e Dolores Abuín recibiron unha emotiva homenaxe organizada polo Concello co gallo do Día Internacional da Muller. A gala celebrouse no Auditorio Municipal.

Unha gala de homenaxe ás mulleres do municipio. Foi así como o Concello de Ribadumia celebrou o Día Internacional da Muller..

O auditorio do municipio acolleu o acto baixo o lema Mulleres abrindo camiño, en referencia a todas esas mulleres que se quixeron dedicar a profesións que, tradicionalmente, estaban desenvolvidas por homes rachando cos estereotipos de xénero. .. 

Público nos actos de homenaxe ás mulleres do municipio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A axente da Policía Local María Noelía Martínez Pesqueira; a taxista Silvia Martínez Mougán; María Carmen Prado Abal, que traballou nunha empresa de formigón, no sector da carpintería, nun camión e montando escenarios de orquestras; as condutoras de autobús Luz Divina Cacabelos Castro e Lucía Cacabelos Moraña e Dolores Abuín Martínez, profesora e primeira alcaldesa de Ribadumia da democracia foron as seis mulleres que onte recibiron o recoñecemento da súa veciñanza e máis do Concello.

As mulleres homenaxeadas polo Concello de Ribadumia. GONZALO GARCÍA

Posteriormente, o grupo Matrioshka Teatro puxo en escena a obra Comando comadres, un espectáculo en clave de humor onde tres activistas organizadas por comandos atacan as múltiples manifestacións da violencia sexista, e cuestiona a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. Trátase dunha homenaxe a" todas as heroínas de a diario, ás mulleres invisibilizadas e á historia oculta do noso pasado". Unha creación que recibiu, entre outros, dous premios María Casares no ano 2022