RIbadumia presenta a súa programación polo Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller

Os eventos en conmemoración do 25-N terán lugar durante todo o mes de novembro coa lectura do manifesto, obradoiros, exposicións e galas benéficas, entre outros
Acto de presentación da programación polo 25N. CEDIDA
photo_camera Acto de presentación da programación polo 25N. CEDIDA

O Concello de Ribadumia presentou, este luns no Salón de Plenos, a programación completa que se levará a cabo no municipio para conmemorar o 25N – Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller. Desde o 10 de novembro ata o 2 de decembro haberá, no municipio, diferentes actos, obradoiros e eventos que xirarán arredor deste día.

No acto estiveron presentes David Castro, alcalde do municipio; Soledad Cores Padín, presidenta da Asociación ESMAR; Alberto Medrano, fotógrafo da exposición ‘Non somos números’; e Sara Gómez, traballadora social do Concello de Ribadumia, así como representantes da asociación ESMAR e do goberno local.

Algunhas das actividades relacionadas co 25-N xa se levaron a cabo, como por exemplo, a andaina solidaria que se celebrou o domingo 13 de novembro e que o Concello de Ribadumia executou baixo o lema ‘Camiño ao Respecto’, adheríndose á iniciativa que a Xunta de Galicia leva facendo desde hai dez anos.

PROGRAMACIÓN COMPLETA
Do 10 ao 24 de novembro: exposición ‘Á violencia de xénero dille... NON!’ no CPI Julia Becerra Malvar.
Xoves 17 de novembro: Obradoiro de Autoestima e Benestar impartido polo Centro de Información á Muller (CIM), desde as 10:00 horas ata as 12:00 horas na Casa de Cultura de Ribadumia. Este obradoiro foi suspendido por motivos alleos ó Concello de Ribadumia e celebrarase o xoves 1 de decembro (na mesma ubicación e no mesmo horario).
Xoves 24 de novembro: Obradoiro ‘Novas formas de Violencia de Xénero a través das tecnoloxías e redes sociais’. Celebrarase no CPI Julia Becerra Malvar e impartido polo CIM.
Venres 25 de novembro: Inauguración da exposición ‘Non somos números’, organizada por ESMAR, no Auditorio de Ribadumia. Esta exposición estará dispoñible ata o 15 de febreiro. Ás 20:00 horas, procederase á lectura do manifesto e a performance, no Auditorio de Ribadumia.
Sábado 26 de novembro: Gala solidaria a favor de ESMAR no Auditorio de Ribadumia ás 20:00 horas.
Domingo 27 de novembro: representación da obra de teatro ‘Feminíssimas’ no Auditorio de Ribadumia ás 19:00 horas.
Venres 2 de decembro: Luz Durán presentará o libro ‘The Divis’, de Sonia H de Arcos, no Auditorio de Ribadumia ás 20:00 horas. Evento organizado por ESMAR.