Ribadumia | O paso de independentes ao PP e a aparición de Xuntos Ribadumia marcará o 28-M

Cinco son as candidaturas que se presentan para formar goberno

 Fachada principal de la Casa Consistorial de Ribadumia. EP
photo_camera Fachada principal de la Casa Consistorial de Ribadumia. EP

David Castro (PP): "Os veciños saben que este goberno cumpre"

DAVID CASTRO. DS

Que balance fai destes catro anos de mandato?
Moi positivo. Temos servizos e actuamos en todas as parroquias tanto en alumeado público como en mantemento do rural, como as augas municipais. Tratamos de reducir esa brecha que se mudou entre o rural e o urbano mellorando estas zonas do rural que necesitan uns acabados para que haxa unha mellor seguridade vial. Polo tanto, creo que foi algo moi positivo o que fixemos no rural. Además fixemos outras xestións no Concello como a recaudación dos impostos municipais. Tamén é moi importante a mellora de servizo que levamos en materia de catastro, no que nestes catro anos prestamos un servizo de atención moi cercana a toda a veciñanza. Creo que somos o único concello da provincia que prestamos estes servizos.Fixemos unha xestión moi importante en materia de deporte, de eventos deportivos, que dalgunha maneira somos o concello da comarca que máis apoiamos ao deporte e que resaltamos precisamente polos eventos culturais e deportivos, que á súa vez xera un movemento económico, turístico e tamén social no municipio. Non nos podemos olvidar do centro médico, no que podemos presumir dunha reforma integral e que conta a día de hoxe con tres médicos, tres enfermeiras, enfemeira pediatra... En liñas xerais, fíxose unha xestión moi importante para o benestar dos veciños de Ribadumia.

E cales son os erros que non repetirían de vencer o vindeiro 28M?
Pois eu creo que non hai erros. Creo que todo se pode mellorar. Pero erros, creo que non tivemos. Evidentemente, pode haber algunhas cuestións que se poden mellorar, pero non tantas porque ao final os presupostos municipais son presupostos municipais. Neste aspecto, o importante eque os veciños nos elixan pola xestión que fixemos no Concello en función dos recursos económicos que temos. Podemos presumir de que non incrementamos impostos. Nós entendemos que non é o momento de incrementar impostos, e polo tanto imos seguir na mesma liña. Polo tanto, creo que non hai erros, pode haber melloras, que é o importante. Temos proxectos en marcha que son moi atractivos e necesarios, como é un punto limpio, que xa está redactado e aprobado. Imos traballar en materia de medio ambiente, no que pedimos unha subvención en torno a 438.000 euros e no que queremos ser un revulsivo. As liñas maestras son as que debemos potenciar porque son as necesidades da veciñanza. O noso proxecto político está baseado nas peticións veciñais, en poder satisfacer esas necesidades en matería de obra ou outras áreas. Creo que hai indicativos moi importantes de crecemento do Concello de Ribadumia. Temos que pensar que no ano 2015 estabamos a falar de 5.015 veciños, a día de hoxe falamos de de 5.200 veciños, e iso de algunha maneira faino que haxa un plan xeral que queremos mellorar.

O seu paso de Independientes Ribadumia ao Partido Popular condicionará os resultados do seu partido no 28M?
Os veciños e veciñas teñen que decidir o día 28, pero eu entendo que non porque ese cambio hai que entendelo como que somos as mesmas persoas, o mesmo proxecto político, somos os que lle demos un cambio ao Concello de Ribadumia dende o ano 2015 ata o día de hoxe. E se cabe ese cambio prodúcese para unha maior estabilidade político no municipio que vai xerar que poidamos crecer ou cambiar esa marcha que necesita o noso concello para mellorar os servizos e para mellorar a calidade da nosa veciñanza. Foi un cambio moi pensado, que cando pos todo na balanza é para tomar a mellor decisión para os veciños e veciñas. Non para David Castro, senón para a veciñanza, e polo tanto defendemos esa posición e imos gañar as eleccións porque nos están trasnmitindo que queren a continuidade de quen está gobernando o Concello de Ribadumia.

De ser elixido, como pensa fomentar a participación cidadá e a implicación da comunidade na toma de decisións e a solución de problemas?
Eu fun a persoa que puxo en marcha en 2015 as peticións veciñais nas que atendemos diariamente a todos os veciños. Pero hai unha cousa que é fundamental: as reunións nas parroquias que se teñen que facer ao longo do ano. Na que participan, na que veñen todos os veciños, e aí darémoslles unha explicación de como funciona, de como é a xestión municipal e tamén as súas demandas para mellorar cada unha das parroquias ou cada unha das zonas rurais para cumprir paulatinamente esas necesidades en función das prioridades, xa que as limitacións económicas sempre existiron e van seguir existindo.

Cales son as expectativas?
As expectativas creo que son boas, pero o traballo fíxose ao longo destes catro anos. Os veciños coñecen a maneira de gobernar de David Castro. Os veciños saben que David Castro cumpre. Os veciños saben que é unha aposta fiable. Se atendemos todas estas puntualizacións entendemos que o resultado ten que ser positivo e que este novo proxecto político fortaleza ao Concello de Ribadumia creando máis estabilidade tanto para a veciñanza como para os empresarios. Hai dúas maneiras de entender a política: que haxa un alcalde ou que haxa tres ou catro alcaldes. Os veciños teñen que decidir que tipo de aposta é a que queren. En función desa decisión o Concello avanzará dunha maneira ou avanzará doutra maneira.

Javier Mougán (PSOE): "O noso proxecto vai solventar moitos dos problemas que temos"

Javier Mougán. DS
Javier Mougán. DS

De ser o número dous da lista en 2019 a liderar o proxecto neste 28-M. Como afronta as municipais?
O obxectivo é conseguir un cambio de goberno efectivo liderado polo Partido Socialista, xa que temos un equipo reforzado e estamos en claro crecemento dende o 2015.

Destaque tres rasgos da súa lista.
É unha mestura de xente de Ribadumia pero con especial información en distintos campos e todos moi ilusionados, con ganas de ser competitivos e de conseguir o Goberno. Son xente preparada para estar nas distintas concellerías.

Como planean mellorar as infraestruturas do municipio, como estradas, pontes ou edificios públicos?
Lamentablemente iso é moi fácil porque temos o exemplo a perda do Plan ReacPon e a non solicitude doutro tipo de subvencións por parto do actual Goberno que quedou coxo coa marcha das dúas concelleiras que máis traballaban. Obviamente a financiación é estando man a man coa Deputación de Pontevedra, coa Xunta de Galicia e cos plans do Estado. Tamén é moi importante a Delegación do Goberno da Zona Franca de Vigo que está apostando moi forte polos polígonos industriais na provincia. 

Falan de vontade de diálogo á hora de pactar con outras formacións, exceptuando ao PP. Con que outros partidos estarían dispostos a chegar a un acordo para formar goberno? 
Nós estamos traballando para acadar un Goberno do Partido Socialista. Non imos deixar de falar con ninguén e somos un equipo dialogante. Agora ben, o noso obxectivo é lograr a alcaldía para o PSOE. Non se está falando de pactos.

Cal sería o cambio que precisa con máis urxencia Ribadumia e que vostedes farían de saír elixidos para gobernar?
A parte de atender todas as necesidades dos veciños en canto ás parroquias e ás obras que están mal rematadas, o noso proxecto cremos que vai solventar moitos defectos que ten, por exemplo, o casco urbano de Barrantes, como pode ser o aparcamento, as multas de tráfico que se viron incrementadas, e o CPI, porque o novo CPI, en contraposición ao que quere facer David Castro, que é por máis parches nun dos colexios máis vellos das zonas rurais de Galicia, que é o Julia Becerra Malvar, no noso caso imos a por a disposición da Xunta 10.000 metros cadrados para a construcción dun novo centro para así mellorar a contorna da gardería, facer máis plazas de aparcamento, acabar de abrir a rúa Ramón Cabanillas...

O deporte é unha das áreas nas que destaca o municipio. Como a potenciarían dende o seu partido?
Xa estamos en contacto coas diversas entidades deportivas. O noso compromiso é aumentar as partidas e reforzar o deporte base e as escolas das distintas modalidades que ten o concello.  Facer especial fincapé nas instalacións que teñen de alumeado as luminarias antigas e repoñelas por luminarias Led para baixar o consumo e que revirta ese aforro nese incremento de partidas. Imos dicir tamén de onde van saír os cartos para incrementalo.

Moitas das súas propostas versan sobre a mobilidade. Que poden esperar os veciños de Ribadumia neste eido se chegan ao goberno?
En canto ao transporte dixemos claramente que imos por a dispoción de todos os veciños que así o precisen, xa sexan maiores ou dependentes, unha liña de transporte gratuíta que teña conexión directa co Hospital do Salnés. Tamén para os pais e nais que teñan problemas para levar aos seus fillos ao Centro Rural Agrupado de Ribadumia nas distintas aulas que ten repartidas polo concello. Pola calidade que ten o C.R.A. aí tamén vai estar o PSOE, poñendo a disposición da ANPA e dos alumnos un transporte para facilitar o acceso ao Plan Madruga e ao comedor destes nenos que hoxe en día non teñen fácil acceso e dependen dos pais e nais para levalos.

Enrique Oubiña (Somos Ribadumia): "É importantísimo establecer poboación no rural"

Enrique Oubiña. DS
Enrique Oubiña. DS

Como melloraría o Servizo de Axuda no Fogar?
En Ribadumia temos unha empresa que acaba de coller a concesión fai pouco. O primeiro que hai que facer é pelexar por ter máis horas de servizo de axuda para poder dar máis e mellor servizo e axilizar as xestións porque en Ribadunia hai problemas coa xestión a nivel local. Denunciamos fai pouco de que David Castro tiña paralizadas varias altas e están pasando temas de xestión. E, a posteriori, hai que traballar para municipalizar ou comarcalizar servizos. Nun concello pequeno coma o noso, a nivel local, é complicado, pero xuntándote cun par de concellos máis sería moito máis factible e económicamente máis rendible. 

Outro dos aspectos que tratan no seu programa é a mellora na calidade turística. Que medidas tomarían para facer de Ribadumia un destino máis atractivo para a xente?
Prioritariamente ter unha oficina de turismo aberta todo o ano, porque a día de hoxe hai moevementos de persoas a través da senda alternativa do Camiño de Santiago e despois, por en valor todo o patrimonio municipal, o Monte do Castro, as igrexas... e establecer rutas internas para dar a coñecer todo iso. 

O seu partido aposta por un rural vivo. Que propostas liderarían o seu proxecto neste eido?
Por unha banda, dotar a todo o rural, das medidas de conciliación que hai no centro de Barrantes: o Plan Madruga, o comedor escolar, escolas de ocio e de verán... E por outro lado favorecer a edificación rural, que se poidan facer vivendas, dar liñas de axuda para a reforma, para a construcción de novas vivendas. E tamén completar as redes de auga e saneamento e dotar de fibra óptica, que é algo que hay que facer e en Ribadumia está aínda pendente de completar.

Como valora os últimos catro anos no eido político no municipio?
No que corresponde á acción do Goberno, valorámolo mal porque o Concello quedou paralizado durante estes 4 anos, perdéronse máis de 8 millones de euros en investimentos, que é unha cantidade para un concello como Ribadumia moi importante. A xestión veuse perxudicada polas accións e polas actitudes do Goberno. En xeral, o Concello quedou conxelado, non se fixo nada, non se avanzo en ningún aspecto e, ademáis,perdeuse no que había, porque temas como o mantemento dos espazos públicos son moi mellorables. 

Cales son os principais problemas e desafios que afronta Ribadumia nos vindeiros anos e como plantexan abordalos?
Ribadumia ten dúas vertentes. A urbana e a rural. É importantísimo establecer poboación porque senón corremos o risco de nuns anos seguir na liña doutros concellos e perder poboación. No rural as medidas son dotalo de servizos e facilidades para que a xente poida irse a vivir aí. E no urbano precisamos unha reforma importante porque non temos dotación de espazos que necesitamos e temos moitos problemas de aparcamento e de mobilidade dentro do nucleo de Barrantes que afectan ao comercio e ao desenvolvemento da vivenda. Agora mesmo en Ribadumia é moi difícil conseguir vivienda, polo tanto é necesario impulsar modificacións de PXOM que permitan que se levanten novos edificios, que se fagan novas viviendas. En resumo, dar facilidades para que o xente se veña a vivir a Barrantes. 

Estarían dispostos a pactar con outras formacións?
Nós sempre estamos abertos ao diálogo e levámolo demostrando tanto nesta lexislatura, onde plantexamos cuestións conxuntas co Partido Popular e co PSOE como na lexislatura anterior, onde gobernamos cos independientes e co PSOE. Somos un partido de negociación, somos un partido de pactar e somos un partido de chegar a acordos. Se o fariamos con todo o mundo, iso vaino decidir no seu momento a asamblea, pero a miña posición persoal é que David Castro é unha persoa que agora mesmo non vemos que poida ser alcalde ao perder esa cantidade de fondos e que xestiona o Concello dunha maneira tan lamentable.

Vanessa Fariña (BNG): "Somos fieis ao noso programa, temos unhas ideas e uns valores"

Vanessa Fariña. DS
Vanessa Fariña. DS

Que lle diría a un votante de X que todavía non ten claro o seu voto?
Pois que se realmente quere conseguir unha Ribadumia distinta, unha Ribadumia na que poder vivir e que todos os veciños e veciñas sean tratados por igual e tidos en conta, que o 28-M teñen que votar ao BNGA e deixar de lado esas rencillas internas que teñen outros dende fai 20 anos.

Que medidas pensan adoptar para preservar o patrimonio cultural e natural do municipio e promover o turismo sostible?
Unha das cousas que temos pensado é promocionar o noso patrimonio histórico, por exemplo, o paísaxístico, como por exemplo o Castro, conservar a ruta do río Umia, ensanchala e mantela, que a día de hoxe hai moitos postes caídos, está nun estado un pouco lamentable. E promocionar todas as cousas que temos, facer que a oficina de turismo sexa viable, que funcione, se éposible, como mínimo todos os domingos do mes, con visitas ao Castro, ás distintas igrexas, a todo aquilo que ten o municipio e que lle pode interesar á xente, xa que é moi fermoso e ten un valor histórico moi importante.

Como pensan apoiar á xente nova na súa formación académica e profesional, así como promover o emprendemento xuvenil en Ribadumia?
Nós queremos refacer unha venta aberta á veciñanza, onde toda a xente, tanto novos como maiores, poidan vir a asesorarse sobre calquera tipo de axuda que precisen, xa sexa solicitar becas, axudas e incluso asesoralos en tema de drogodependencia ou ludopatía, tanto aos afectados como ás súas familias para saber que pasos seguir. Que a biblioteca teña un horario de funcionamento adecuado as épocas de exámenes, que é bastante importante. Promover cursos, actividades culturais nas casas de cultura das parroquias que a día de hoxe están baleiras e medio abandonadas.

Que accións propondría para fortalecer os lazos e a cooperación con outros municipios ou entidades autonómicas en beneficio da localidade?
Habería que facer reunións para chegar a acordos, convenios para poder facer actividades en conxunto en calquera tipo de promoción, xa sexa turística, de emprendimento.. Pero o traballo  en equipo, onde é importante escoitar aos demais, sobre todo á veciñanza, máis que aos concellos colindantes, porque aquí en Ribadumia fai moitos anos que os veciños non son tidos en conta. E segundo o que eles queiran, necesiten e precisen, ir dando pasos.

A inestabilidade política marcou o paradigma nestes últimos catro ano. Pode a veciñanza atopar na súa formación esa estabilidade?
Sí, somos fieis ao noso programa, temos uns ideais, temos uns valores. Ao largo da historia do BNG, aquí sobre todo en Ribadumia, vese claro que sempre seguimos unha liña sen saírnos dela. Por exemplo, no 2001 trouxemos vivenda pública para o concello, e é algo que queremos volver a traer agora, que cremos que é fundamental e necesaria para a xuventude, que non hai alugueres dispoñibles no noso concello. E a xuventude está marchando para outros municipios. Na primeira vez que se presentou Independentes, fai vinte anos, nós non decidimos entre o malo e o menos malo. Mantivémonos neutrais porque o BNG non lle da o Goberno á dereita. Somos de esquedas de verdade, reais.

Que aspectos mudarían das medidas adoptadas polo Goberno local nos últimos catro anos?
Nós empezariamos a facer cosas. Temos un plan parcial para solucionar os problemas de tráfico, de aparcamento que hai no centro de Barrantes e que tamén solventaria problemas que hai no colexio, que levan oito anos prometendo que van facer, pero aínda non se fixo. Ese plan, entre outras cousas, conleva falar con todas as entidades implicadas, cos veciños, cos comerciantes, cos hosteleiros, para en conxunto facer unha planificación que desatasque o centro, que cree aparcamentos, e que esté conectado coas parroquias.

María Álvarez (Xuntos por Ribadumia): "Queremos ofrecer á veciñanza uns servizos dignos"

María Álvarez. DS
María Álvarez. DS

De suplente no Partido Popular en 2019 a liderar a súa propia lista neste ano. Como afronta o cambio?
É un cambio importante e grande. Afróntoo ben porque estou respaldada dun equipo e duns compañeiros que antes estiveron conmigo nas listas no ano 2019. É duro, e lóxicamente as circunstancias son marcadas por un paso, pero lévase.

Que a motivou para tomar a decisión de presentarse como candidata?
Pois nese momento non había quen puidese liderar e ir de candidata, entón eu ofrecínme, os meus compañeiros apoiáronme e dixemos todos: "imos adiante". Non imos ser un só, somos un equipo enteiro, onde vai uns imos todos. 

Con que formacións estaría disposta a pactar, xa sexa para acadar a alcaldía ou para facilitar un goberno?
Dado o momento veríase. Dadas as circunstancias, a perspectiva que collemos cara o 28-M a ver o que sae non o sabemos. Chegados o momento miraremos o que pasa. 

Contemplan mellorar as instalacións deportivas existentes ou crear novos espazos para practicar deporte?
Na nosa mente está, antes de nada, facer o mantemento de certas instalacións. Estámonos a reunir con todos os clubes e agrupacións e efectivamente hai cousas que se poderían cambiar.

Cales serían as medidas centrais do seu Goberno?
Principalmente, o que queremos é darlle a todos os veciños e veciñas do concello un servizo digno, como o tema dos alcantarillados, beirarrúas, que están sen finalizar. Iso é primordial. E despois temos o tema do colexio, que habería que mellorar certas cousas, xa que falta espazo para os autobuses, que non está moi ben adecuado. E como ambición en todo o equipo, temos pensado un pequeno proxecto de reforma para que os colectivos e asociacións e todas estas persoas que precisen unha sala de xuntanzas teñan un espazo para estar coas condicións adecuadas. Esas son as cousas máis importantes que deberiamos sacar. Outra sería que Barrantes carece de zona para aparcar, e teriamos que resolvelo.