Ribadumia mellora as instalacións térmicas dos vestiarios do Campo da Bouza

En total, estas actuacións supuxeron un investimento de 29.351,38 euros
Ribadumia Campo da Bouza
photo_camera Campo de Fútbol A Bouza. DS

As instalacións e edificios municipais están sometidas a continuos procesos de coidado e melloras, como é o caso das instalacións térmicas do Campo de Fútbol A Bouza. Actualmente, estanse rematando as obras de mellora e instalación de bombas de calor nos vestiarios desta localización. As actuacións supuxeron un investimento de 29.351,38 euros financiados nun 72% polo Fondo de Cooperación Local Adicional.

O Campo de Fútbol A Bouza é un dos lugares máis concorridos de Ribadumia debido á gran actividade que se desenvolve nesa instalación todos os días; desde os adestramentos masculinos e femininos do Umia C.F. ata o uso que se fai desta instalación durante o curso escolar.  

O obxectivo principal destas obras é mellorar o sistema de acumulación e subministro existente coa substitución dos elementos de xeración de calor, composta por catro acumuladores eléctricos de 200 litros de capacidade, por outra solución máis eficiente, instalando unha bomba de calor aire-auga reversible. Con esta adquisición, asegúrase un uso racional da enerxía e un funcionamento ecolóxico debido ao emprego de refrixerante non prexudicial para o medio ambiente.  

Os propósitos do Concello de Ribadumia continúan levándose a cabo a través da mellora e do acondicionamento de todas as instalacións municipais. Desta forma, preténdese tamén acadar un óptimo servizo e reducir o consumo da instalación por tratarse dun equipamento moi utilizado diariamente polos deportistas do municipio e, concretamente, os que militan no Umia C.F.