Ribadumia estrea a programación do 8-M cunha exposición bibliográfica

Durante dúas semanas, no municipio celebraranse charlas informativas, exposicións, contacontos e unha Gala en conmemoración ás mulleres de Ribadumia, entre outras actividades
Fachada del Concello de Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada del Concello de Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Ribadumia estreará este mércores, 1 de marzo, a súa programación en conmemoración ó Día Internacional da Muller, que se celebra cada 8 de marzo. Esta relación de actividades dedicadas exclusivamente á celebración desta data terá unha duración de dúas semanas.

Desde o 1 de marzo, a veciñanza poderá visitar a exposición bibliográfica arredor do 8-M que se instalará na Biblioteca Municipal. O 2 de marzo, ás 19:00h, celebrarase na Casa de Cultura de Ribadumia a charla Hai mulleres, hai empresas, onde se abordarán os plans de igualdade nas empresas como requisito imprescindible, entre outros asuntos.

O 4 de marzo, ás 10:00h, a Mancomunidade do Salnés celebrará o foro O Salnés emprende con M no Auditorio de Cambados. O 8 de marzo, ás 12:00h, procederase á lectura do Manifesto na Praza do Concello de Ribadumia. Ás 20:00h terá lugar na Casa de Cultura de Ribadumia unha sesión informativa denominada Programa para a capacitación persoal e motivación orientada ao mercado laboral. A segunda parte desta charla terá lugar o 15 de marzo na mesma localización e á mesma hora (20:00h).

O 12 de marzo, a partir das 19:00h, o Concello de Ribadumia celebrará a Gala II Homenaxe ás mulleres de Ribadumia, onde se homenaxeará a varias mulleres do municipio e, ó seu remate, o grupo Matrioshka Teatro representará Comando Comadres. Nesta representación, un grupo de activistas organizadas por comandos ataca as múltiples manifestacións da violencia sexista, e cuestiona a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. Trátase dunha homenaxe a todas as heroínas de a diario. Esta creación recibiu, entre outros, dous premios María Casares en 2022. O evento celebrase no Auditorio Municipal de Ribadumia, a entrada é de balde a apta para público adolescente e adulto.