Ribadumia homenaxeará a 6 mulleres do municipio nunha gala conmemorativa polo 8-M

O domingo 12 de marzo, ás 19.00 horas, celebrarase este evento organizado polo goberno local. A entrada será de balde e ata completar aforo.

 

Lectura del manifiesto por el 8-M en Ribadumia. DS
photo_camera Lectura del manifiesto del pasado 8-M en Ribadumia. DS

O Concello de Ribadumia conmemorará, este domingo, o Día Internacional da Muller a través da celebración dunha gala en homenaxe ás mulleres de Ribadumia. O evento terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 19:00 horas indicado tanto para público adolescente como adulto e con entrada de balde.

A temática da homenaxe deste ano ten que ver coa profesión das mulleres veciñas do municipio, e está bautizada como Mulleres abrindo camiño, pois fai referencia a todas esas mulleres que se quixeron dedicar a profesións que, tradicionalmente, estaban desenvolvidas por homes. 

Desta forma, farase unha homenaxe a 6 mulleres: María Noelía Martínez Pesqueira, que é Policía Local; Silvia Martínez Mougán, taxista; María Carmen Prado Abal, que traballou nunha empresa de formigón, no sector da carpintería, nun camión e montando escenarios de orquestras; Luz Divina Cacabelos Castro, condutora de autobús; Lucía Cacabelos Moraña, condutora de autobús; e Dolores Abuín Martínez, profesora e primeira alcaldesa de Ribadumia da democracia.

Posteriormente, contarase coa actuación do grupo Matrioshka Teatro, pois interpretará a obra Comando comadres, un espectáculo en clave de humor onde tres activistas organizadas por comandos atacan as múltiples manifestacións da violencia sexista, e cuestiona a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. Trátase dunha homenaxe a" tódalas heroínas de a diario, ás mulleres invisibilizadas e á historia oculta do noso pasado". Unha creación que recibiu, entre outros, dous premios María Casares no ano 2022.