Ribadumia acometerá a mellora das instalacións municipais do Punto Limpo

A entidade local executará estas obras a través dunha axuda da Xunta de Galicia e a financiación do Plan Concellos 2023
Una mujer hace uso de un compostero individual. DAVID FREIRE
photo_camera Una mujer hace uso de un compostero individual. DAVID FREIRE

Dentro das actuacións e obras de mellora e mantemento das instalacións municipais de Ribadumia, o Goberno local sacará a licitación o proxecto de ampliación e mellora do Punto Limpo acolléndose á financiación a través de dúas vías, a primeira, polo Plan Concellos 2023 e, a segunda, pola axuda a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda.

O Punto Limpo municipal está formado por unha soleira en dous niveis, con peiraos de carga, unha caseta de control, unha pequena zona cuberta cunha estrutura metálica e un peche perimetral de bloques e malla metálica.

O obxectivo destas actuacións é mellorar a organización e a capacidade de funcionamento desta instalación. Para acadalo, levaranse a cabo unha serie de actuacións, auspiciadas pola posibilidade de ampliación física da instalación, pasando dunha superficie actual de 935m2 a unha de 1.448 m2, dispoñéndoa de diferentes alturas con peiraos para facilitar a descarga dos residuos nos contedores.

Estas obras de ampliación e mellora precisan da reordenación completa do recinto, para garantir un aproveitamento óptimo. Manterase a caseta de control existente e incluirase unha pequena báscula para pesar materiais.

Facilitarase o acceso dos usuarios no seu vehículo particular a unha plataforma que permite a descarga de residuos. Outra das necesidades que responderá este proxecto é a área de manobra para os camións que se encargan do transporte dos contedores, coas correspondentes áreas de manobra para os vehículos de recollida de residuos.