A programación cultural encherá Ribadumia de música, teatro e espectáculos

Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo, o Auditorio achegará á veciñanza unha programación con teatro, música e cine, entre outras
Comando Comadres, de Matrioshka Teatro. DS
photo_camera O grupo Comando Comadres chegará ao municipio o 12 de marzo. DS

O Concello de Ribadumia retomou a súa programación cultural do Auditorio tras o parón das vacacións de Nadal. Igual que durante o primeiro trimestre, ofrecerase, cada semana, programación teatral, musical ou audiovisual para público familiar ou adulto, onde pequenos e maiores poderán gozar das citas que o municipio lles ten preparadas. A programación comezou o domingo 22 ás 19:00 horas cunha sesión de cine da man de Live is Life: La Gran Aventura.

Dentro da oferta de entretemento que o goberno municipal ofrecerá durante xaneiro, febreiro e marzo para toda a veciñanza do municipio e arredores, tamén destacan as representacións teatrais, os espectáculos musicais, festas, galas benéficas e máis cine. A continuación, expóñense as datas que ata este momento están pechadas:

O domingo 29, ás 19:00 horas, Manso e amigos traerán a súa música ao noso municipio, facendo un repaso aos clásicos de sempre cun repertorio variado que non deixará indiferente a ninguén. A entrada será de balde e apta para todo tipo de público.

O domingo 5 de febreiro, ás 19:00 horas, Roi Borrallas chegará desde Barcelona para representar Traga Tiérrame, espectáculo con máis de 10 anos de traxectoria. O humorista mesturará maxia e humor precisando, nalgunha ocasión, a colaboración do público. A entrada será de balde e apta para todo tipo de público.

O domingo 12 de febreiro, o grupo teatral Ghazafellos ofrecerá o espectáculo infantil-familiar A máquina do tempo, ás 19:00 horas. Durante a función, farase un percorrido pola historia coa doutora Mon e o seu axudante Pe, onde ambos, vivirán unha aventura educativa a partir do humor.

O luns 20 de febreiro, chega o entroido a Ribadumia, pois a partir das 17:30 horas, celebrarase no Pavillón de Barrantes o Festival de Entroido Infantil-Xuvenil do Concello de Ribadumia. As persoas asistentes gozarán da música, animación, xogos e premios para os mellores disfraces.

O domingo 26 de febreiro, a partir das 19:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá unha sesión de cine, onde se reproducirá unha das últimas estreas da carteleira. A entrada será de balde e estará destinada todos os públicos.

O domingo 5 de marzo, ás 18:00 horas, a Asociación Trasnos do Salnés celebrará no Auditorio unha gala benéfica a favor de Amigos de Galicia. Estará presentada por Santiago Roma (ribadumiense de bodegas Santiago Roma), e contará con música, baile e teatro. Entrada de balde con recollida de alimentos para Amigos de Galicia e apta para todo tipo de público.

O domingo 12 de marzo, ás 19:00 horas, terá lugar a II Homenaxe ás mulleres de Ribadumia e contarase co espectáculo humorístico Comando Comadres de Matrioshka Teatro. Esta obra está protagonizada por un grupo de activistas organizadas por Comandos atacando as múltiples manifestacións da violencia sexista e cuestionando a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. Trátase dunha homenaxe a todas as heroínas de a diario, ás mulleres invisibilizadas e á historia oculta do pasado. Unha creación que recibiu, entre outros, dous premios María Casares no ano 2022. A entrada será de balde e apta para público adolescente e adulto.

Os venres 17 e 24 de marzo, a partir das 20:00 horas, o alumnado e profesorado da Escola de Música do Concello de Ribadumia ensinará ao público parte do repertorio que levan traballado durante o curso nestas audicións de remate do segundo trimestre.

O domingo 19 de marzo, ás 19:00h, o grupo de teatro Avelaíña representará a obra ‘A Lola’. Esta función levaranos a un ambiente, ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte as ideas constitucionais de progreso e liberdade. A súa trama está determinada polo feito de que o sucedido nos anos da represión posteriores ó golpe de Estado segue a determinar as vidas e as condutas de varias xeracións. Entrada de balde e recomendable para público adulto.

O sábado 25 de marzo, a Banda de Música Municipal de Ribadumia interpretará un concerto musical ás 20:30 horas no Auditorio. Entrada de balde e apto para público familiar.

O domingo 26 de marzo, o grupo Cantareiras Madialeva fusionarán a tradición galega con letras frescas e pícaras. A diferencia doutras pandeireteiras, as Madialeva non cantan ao unísono, senón que mesturan percusión tradicional coa polifonía para darlle diferentes tons a todas as súas cancións. Entrada de balde a apta para todos os públicos.

Por outra banda, dende o ente local lembran que ata o 15 de febreiro de 2023, estará exposta ao público a mostra fotográfica Non somos números, que representa a violencia de xénero que sufriron algunhas mulleres en primeira persoa. Esta exposición inaugurouse o 25 de novembro e é visible media hora antes de cada actuación programada nas instalacións do auditorio, ou por grupos pedindo cita previa no teléfono 622 58 53 59, da Asociación ESMAR Non ó Maltrato.

Toda esta información poderá consultarse nos dípticos informativos que se enviaron aos domicilios de Ribadumia e, para estar ó tanto de todas as actualizacións relacionadas con máis programación en Ribadumia, poderanse consultar as redes sociais ou a páxina web municipal.