O primeiro premio do concurso da Festa do Tinto queda en Ribadumia

Alzouse o adegueiro local Francisco Martínez Castro na primeira posición, deixando nun lugar destacado ao municipio anfitrión
Un momento da cata. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un momento da cata. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Ribadumia, David Castro, acompañado do presidente da Deputación, Luis López, o xerente da Mancomunidade, Ramón Guinarte, o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, e diferentes representantes dos concellos de Barro, Sanxenxo, Meaño, Meis, Portas e outras institucións, entregaron os premios da LI edición da Festa do Viño Tinto do Salnés, que alzou ao adegueiro local Francisco Martínez Castro na primeira posición, deixando nun lugar destacado ao municipio anfitrión.

Xunto a el, na categoría de Viño Tinto, o segundo posto foi para Javier Jamardo Castro, seguido de Juan Luis Cores Fernández (terceiro premio), Luis Rodríguez Balsa (cuarto), Juan Rial Cores (quinto) e Jaime Cancelo Baulo (sexto).

Na categoría de Autóctonos, a relación de premiados estivo encabezada por D´Arvelos (Vilalonga), seguido de Dolores Calo González (Vilariño), Carmelo Vieites Santos (Corbillón), Eugenio Núñez Otero (Vilariño), Carlos Núñez Otero (Vilariño), e Lino Domínguez Torres (Leiro).

No concurso de catas participaron un total de 105 viños tintos tipo Barrantes e 34 autóctonos, polo que o Goberno local de Ribadumia quixo agradecer a todos os adegueiros e adegueiras a súa colaboración e participación nesta edición, así como ao comité de catas "polo esforzo empregado durante todo o proceso". 

A actuación da orquestra Panorama e os fogos de artificio pechan este domingo unha xornada na que tamén se celebrou unha andaina solidaria, sesión vermú, e diferentes actividades que puxeron o broche de ouro á cita.