O persoal do CAAN da Deputación recolle 13 cachorros abandonados en Ribadumia

Os cachorros rescatados pola CAAN en Ribadumia. DP
Son sete femias e seis machos de mes e medio de idade que apareceron nunha finca aínda que dous morreron á chegada ao centro

Membros do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, rescataron hoxe outra camada de cachorros abandonados no concello de Ribadumia. As sete femias e seis machos, que teñen aproximadamente mes e medio de idade, foron atopados nunha finca de pasto no lugar de Rabadeiro por un grupo de mozos, que enseguida deron aviso ao equipo de Protección Civil do municipio que alertou ao CAAN.

Dous dos animais pereceron á súa chegada ao centro da Armenteira, unha femia e un macho, polas malas condicións nas que se atopaban a consecuencia do seu desamparo. O resto, polo momento, atópase en relativamente boas condicións, á espera da súa evolución nos vindeiros días e xa están a ser alimentados nas instalacións, onde tamén se lles aplica o protocolo sanitario establecido baixo a supervisión permanente do equipo veterinario.

De momento, as femias “Tina”, “Flora”, “Mara”, “Xolda”, “Vane” e “Lena” e os machos “Nino”, “Negrín”, “Miño”, “Pipo” e “Floro”, tamén probaron xa a área de esparexemento do CAAN.