Melloras na planta de transferencia de Sogama en Ribadumia por 286.000 euros

O obxectivo é optimizar a operativa industrial da instalación e as condicións laborais dos traballadores
Planta de Sogama no Concello de Ribadumia.
photo_camera Planta de Sogama no Concello de Ribadumia. DP

Sogama adxudicou diversas melloras na planta de transferencia de Ribadumia para optimizar a súa operativa industrial, así como as condicións laborais dos traballadores adscritos á mesma, por preto de 286.000 euros. Estas melloras inclúen a obra de construción de novos vestiarios diferenciados (masculinos e femininos), o acondicionamento das actuais dependencias de oficina, vestiarios e almacén, así como a ampliación do aparcadoiro de contedores.

Os novos vestiarios localizaranse nunha pequena edificación anexa á nave principal que debe construír a firma adxudicataria. Contarán cun sistema de renovación de aire e climatización, e estarán comunicados tanto co interior da nave principal como co exterior, dispoñendo dun novo aparcamento de vehículos dotado de catro prazas. O vestiario existente a día de hoxe, situado no nivel intermedio, será reacondicionado para o seu uso como almacén. A sala de control e oficinas, localizada no nivel superior, será reformada para dotala dunha nova instalación eléctrica e dun novo sistema de climatización e renovación de aire que será controlado mediante un reloxo en cadro, garantindo así unha renovación constante do mesmo durante a xornada laboral.

O almacén, situado no nivel inferior da planta, será reformado para cumprir a súa función con maiores garantías. Repoñeranse distintos elementos do mesmo e renovarase a instalación eléctrica e equipos de iluminación. En todo caso, as distintas dependencias reformaranse para actualizar e modernizar o seu funcionamento, e facelas máis confortables e/ou funcionais. Igualmente, o aparcadoiro de contedores, dimensionado actualmente para 13 prazas, disporá doutras 6 máis. Esta ampliación contará cos correspondentes carrís para a rodadura de contedores e as redes de captación e drenaxe de augas residuais e pluviais, facendo necesario a construción e instalación dun novo pozo de bombeo de augas residuais á EDAR.

O contrato, que deberá executarse no prazo de 4 meses, contempla outras actuacións tales como a reparación do pavimento deteriorado ou a habilitación dun acceso temporal ao aparcadoiro de contedores. Unha vintena de concellos utilizan os servizos da planta de transferencia de Ribadumia, que en 2021 transvasou 101.579,22 toneladas de bolsa negra (residuo convencional) e 4.593,88 toneladas de bolsa amarela (envases de plástico, latas e  briks).