A 50 Festa do Viño Tinto de Ribadumia contará cun punto violeta

A cita celebrarase do 2 ao 4 de xuño e instalarase este servizo que garanta a seguridade de todas as persoas que visiten o municipio durante as festas
Reunión celebrada este xoves no Salón de Plenos do Concello de Ribadumia arredor da instalación dun punto violeta durante a Festa do Tinto. DS
photo_camera Reunión celebrada este xoves no arredor da instalación do punto violeta. DS

O Concello de Ribadumia ten listos case todos os preparativos para a presente edición da Festa do Viño Tinto e exaltación das variedades autóctonas, un dos eventos máis esperados do municipio, que celebrará a súa 50ª edición do 2 ao 4 de xuño. O goberno local está a traballar na promoción da diversión e a seguridade do evento, para que tanto os veciños e veciñas coma os visitantes poidan gozar da festa sen preocupacións. 

Unha das medidas que se están tomando é a instalación dun punto violeta, tal e como se fixo no ano 2022, para garantir a seguridade das persoas que acudan á festa. Este xoves celebrouse unha reunión con representantes do goberno local, hostaleiros de Barrantes, taxistas, Garda Civil e a socióloga e axente de igualdade Patricia Vaquero, co obxectivo de traballar en conxunto e tecer unha rede de seguridade para o punto violeta. 

A seguridade durante as celebracións é primordial para que os asistentes poidan gozar da festa con tranquilidade. A promoción da diversión tamén será un obxectivo fundamental, fomentando un ambiente festivo e sen agresións. 

Dende o goberno local fan un chamamento á conciencia cidadá, instando a todos os visitantes e veciñanza a respectar as normas de convivencia e a gozar desta celebración de maneira responsable e sen riscos innecesarios.