Javier Mougán (PSOE): "O noso proxecto vai solventar moitos dos problemas que temos"

O candidato socialista busca neste 28-M acadar un Goberno Socialista para Ribadumia, sen pechar a porta a posibles alianzas de ser necesario
Javier Mougán, PSOE Ribadumia
photo_camera Javier Mougán, candidato do PSOE de Ribadumia. DS

De ser o número dous da lista en 2019 a liderar o proxecto neste 28-M. Como afronta as municipais?
O obxectivo é conseguir un cambio de goberno efectivo liderado polo Partido Socialista, xa que temos un equipo reforzado e estamos en claro crecemento dende o 2015.

Destaque tres rasgos da súa lista.
É unha mestura de xente de Ribadumia pero con especial información en distintos campos e todos moi ilusionados, con ganas de ser competitivos e de conseguir o Goberno. Son xente preparada para estar nas distintas concellerías.

Como planean mellorar as infraestruturas do municipio, como estradas, pontes ou edificios públicos?
Lamentablemente iso é moi fácil porque temos o exemplo a perda do Plan ReacPon e a non solicitude doutro tipo de subvencións por parto do actual Goberno que quedou coxo coa marcha das dúas concelleiras que máis traballaban. Obviamente a financiación é estando man a man coa Deputación de Pontevedra, coa Xunta de Galicia e cos plans do Estado. Tamén é moi importante a Delegación do Goberno da Zona Franca de Vigo que está apostando moi forte polos polígonos industriais na provincia. 

Falan de vontade de diálogo á hora de pactar con outras formacións, exceptuando ao PP. Con que outros partidos estarían dispostos a chegar a un acordo para formar goberno? 
Nós estamos traballando para acadar un Goberno do Partido Socialista. Non imos deixar de falar con ninguén e somos un equipo dialogante. Agora ben, o noso obxectivo é lograr a alcaldía para o PSOE. Non se está falando de pactos.

Cal sería o cambio que precisa con máis urxencia Ribadumia e que vostedes farían de saír elixidos para gobernar?
A parte de atender todas as necesidades dos veciños en canto ás parroquias e ás obras que están mal rematadas, o noso proxecto cremos que vai solventar moitos defectos que ten, por exemplo, o casco urbano de Barrantes, como pode ser o aparcamento, as multas de tráfico que se viron incrementadas, e o CPI, porque o novo CPI, en contraposición ao que quere facer David Castro, que é por máis parches nun dos colexios máis vellos das zonas rurais de Galicia, que é o Julia Becerra Malvar, no noso caso imos a por a disposición da Xunta 10.000 metros cadrados para a construcción dun novo centro para así mellorar a contorna da gardería, facer máis plazas de aparcamento, acabar de abrir a rúa Ramón Cabanillas...

O deporte é unha das áreas nas que destaca o municipio. Como a potenciarían dende o seu partido?
Xa estamos en contacto coas diversas entidades deportivas. O noso compromiso é aumentar as partidas e reforzar o deporte base e as escolas das distintas modalidades que ten o concello.  Facer especial fincapé nas instalacións que teñen de alumeado as luminarias antigas e repoñelas por luminarias Led para baixar o consumo e que revirta ese aforro nese incremento de partidas. Imos dicir tamén de onde van saír os cartos para incrementalo.

Moitas das súas propostas versan sobre a mobilidade. Que poden esperar os veciños de Ribadumia neste eido se chegan ao goberno?
En canto ao transporte dixemos claramente que imos por a dispoción de todos os veciños que así o precisen, xa sexan maiores ou dependentes, unha liña de transporte gratuíta que teña conexión directa co Hospital do Salnés. Tamén para os pais e nais que teñan problemas para levar aos seus fillos ao Centro Rural Agrupado de Ribadumia nas distintas aulas que ten repartidas polo concello. Pola calidade que ten o C.R.A. aí tamén vai estar o PSOE, poñendo a disposición da ANPA e dos alumnos un transporte para facilitar o acceso ao Plan Madruga e ao comedor destes nenos que hoxe en día non teñen fácil acceso e dependen dos pais e nais para levalos.