A formación senlleira do Pazo de Barrantes recibe unha axuda de 4.000 euros

Está composta por un centenar de exemplares que alcanzan alturas próximas aos 50 metros
Ribadumia Pazo de Barrantes formación senlleira Ángeles Vázquez
photo_camera Ángeles Vázquez durante a visita pola formación senlleira do Pazo de Barrantes. DS

Durante unha visita á formación senlleira localizada no Pazo de Barrantes, en Ribadumia, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro día 26 de decembro as dúas ordes polas que se convocan estas axudas.

Nesa liña, lembrou que unha  está dirixida a concellos ou agrupacións locais que sexan titulares dalgún destes elementos, dotada con 30.000 euros; e a outra, a persoas físicas ou xurídicas propietarias dunha árbore ou formación senlleira, cun orzamento de 60.000 euros, 20.000 euros máis que anterior convocatoria.

A Carreira de Eucaliptos do Pazo de Barrantes que visitou a vicepresidenta segunda recibiu unha axuda de máis de 4.000 euros na convocatoria de 2023. Trátase dunha formación que consiste nunha dobre aliñación ou avenida no paseo de acceso ao pazo.

Está formada por un centenar de exemplares, que alcanzan alturas próximas aos 50 metros, non comezan a ramificarse ata superar os 4 metros e as súas copas, que se entrelazan, son de grandes dimensións. Esta formación foi incluída en 2007 no Catálogo galego de árbores senlleiras.