Fitur, o escaparate no que Ribadumia se amosou ao mundo

O Goberno local volve da Feria Internacional coa sensación do "traballo ben feito"
Representación do Concello de Ribadumia, liderado polo alcalde David Castro, en Fitur. DS
photo_camera Representación do Concello de Ribadumia, liderado polo alcalde David Castro, en Fitur. DS

O Concello de Ribadumia estivo presente na recente feira de Fitur cunha delegación que se desprazou ata Madrid para participar nos diferentes eventos e reunións con operadores nacionais e internacionais.

Nesta edición o stand de Galicia foi o centro neurálxico dende onde se levaron a cabo todas as presentacións, e así foi tamén no caso de Ribadumia que estivo moi presente por exemplo coa degustación de té de camelia da man de Beatriz Piñeiro de Pazo Quinteiro da Cruz.

Ribadumia foi protagonista como un dos escenarios do proxecto Trazas de Pontevedra da man de Deputación de Pontevedra, e onde Monte do Castro destacou pola súa ubicación e historia. A pegada da historia no municipio deixou pezas que foron atopadas neste xacemento, e que forman parte do logo e da imaxe do proxecto Trazas.

De destacar foi tamén a presentación da Mancomunidade do Salnés, onde o cancelo #másqueunamordeverano mostrou as riquezas que a comarca ten non só na época estival, senón tamén durante todo o ano, con unha forte aposta pola desestacionalización. O Salnés, e no noso caso Ribadumia, ofrece actividades para calquera día do ano, ademais da súa gastronomía e natureza que fan que te namores dela.

Ademais, a través da Mancomunidade do Salnés, xestionouse un espazo de difusión e promoción turística no stand de Galicia, na que tiveron espazo os folletos turísticos do concello de Ribadumia, que acercaban ao público ao patrimonio cultural da localidade.