A Escola de Ocio coida da granxa ecolóxica durante as vacacións de Nadal

Dende o inicio das vacacións de Nadal nos centros educativos, a Escola de Ocio mudou o seu horario polas mañás ▶ Os nenos e nenas deste servizo de conciliación quedaron ó coidado da granxa do CPI Julia Becerra Malvar.

Granxa ecolóxica 1
photo_camera Os nenos e nenas puideron darlle de comer ás galiñas da granxa. DS

Durante as vacacións de Nadal, a Escola de Ocio do Concello de Ribadumia mudou os seus horarios para a mañá, para seguir facilitando a conciliación laboral e familiar da veciñanza da localidade. Dentro das súas actividades, os nenos e nenas continuaron facendo manualidades e outras actividades máis propias destas datas como a decoración das súas instalacións ou a montaxe dunha árbore de Nadal. 

Ademais, fixeron visitas á granxa ecolóxica que hai no CPI Julia Becerra Malvar, xa que quedaron de responsables do coidado das súas galiñas e o acondicionamento do seu hábitat. 

Este martes, foi un deses días en que a rapazada lles fixo unha visita ás galiñas e puideron darlles de comer, retirarlles os seus ovos e limpar. Con estas accións, os máis pequenos e pequenas de Ribadumia están a mostrar unha gran responsabilidade e colaboración á hora do coidado dos animais e do entorno rural.