Enrique Oubiña (SOMOS RIBADUMIA): "É importantísimo establecer poboación no rural"

O candidato fai unha aposta clara polo rural no seu programa, co fin de recuperar espazos e darlle vida 
Enrique Oubiña, Somos Ribadumia
photo_camera Enrique Oubiña, candidato de Somos Ribadumia. DS

Como melloraría o Servizo de Axuda no Fogar?
En Ribadumia temos unha empresa que acaba de coller a concesión fai pouco. O primeiro que hai que facer é pelexar por ter máis horas de servizo de axuda para poder dar máis e mellor servizo e axilizar as xestións porque en Ribadunia hai problemas coa xestión a nivel local. Denunciamos fai pouco de que David Castro tiña paralizadas varias altas e están pasando temas de xestión. E, a posteriori, hai que traballar para municipalizar ou comarcalizar servizos. Nun concello pequeno coma o noso, a nivel local, é complicado, pero xuntándote cun par de concellos máis sería moito máis factible e económicamente máis rendible. 

Outro dos aspectos que tratan no seu programa é a mellora na calidade turística. Que medidas tomarían para facer de Ribadumia un destino máis atractivo para a xente?
Prioritariamente ter unha oficina de turismo aberta todo o ano, porque a día de hoxe hai moevementos de persoas a través da senda alternativa do Camiño de Santiago e despois, por en valor todo o patrimonio municipal, o Monte do Castro, as igrexas... e establecer rutas internas para dar a coñecer todo iso. 

O seu partido aposta por un rural vivo. Que propostas liderarían o seu proxecto neste eido?
Por unha banda, dotar a todo o rural, das medidas de conciliación que hai no centro de Barrantes: o Plan Madruga, o comedor escolar, escolas de ocio e de verán... E por outro lado favorecer a edificación rural, que se poidan facer vivendas, dar liñas de axuda para a reforma, para a construcción de novas vivendas. E tamén completar as redes de auga e saneamento e dotar de fibra óptica, que é algo que hay que facer e en Ribadumia está aínda pendente de completar.

Como valora os últimos catro anos no eido político no municipio?
No que corresponde á acción do Goberno, valorámolo mal porque o Concello quedou paralizado durante estes 4 anos, perdéronse máis de 8 millones de euros en investimentos, que é unha cantidade para un concello como Ribadumia moi importante. A xestión veuse perxudicada polas accións e polas actitudes do Goberno. En xeral, o Concello quedou conxelado, non se fixo nada, non se avanzo en ningún aspecto e, ademáis,perdeuse no que había, porque temas como o mantemento dos espazos públicos son moi mellorables. 

Cales son os principais problemas e desafios que afronta Ribadumia nos vindeiros anos e como plantexan abordalos?
Ribadumia ten dúas vertentes. A urbana e a rural. É importantísimo establecer poboación porque senón corremos o risco de nuns anos seguir na liña doutros concellos e perder poboación. No rural as medidas son dotalo de servizos e facilidades para que a xente poida irse a vivir aí. E no urbano precisamos unha reforma importante porque non temos dotación de espazos que necesitamos e temos moitos problemas de aparcamento e de mobilidade dentro do nucleo de Barrantes que afectan ao comercio e ao desenvolvemento da vivenda. Agora mesmo en Ribadumia é moi difícil conseguir vivienda, polo tanto é necesario impulsar modificacións de PXOM que permitan que se levanten novos edificios, que se fagan novas viviendas. En resumo, dar facilidades para que o xente se veña a vivir a Barrantes. 

Estarían dispostos a pactar con outras formacións?
Nós sempre estamos abertos ao diálogo e levámolo demostrando tanto nesta lexislatura, onde plantexamos cuestións conxuntas co Partido Popular e co PSOE como na lexislatura anterior, onde gobernamos cos independientes e co PSOE. Somos un partido de negociación, somos un partido de pactar e somos un partido de chegar a acordos. Se o fariamos con todo o mundo, iso vaino decidir no seu momento a asamblea, pero a miña posición persoal é que David Castro é unha persoa que agora mesmo non vemos que poida ser alcalde ao perder esa cantidade de fondos e que xestiona o Concello dunha maneira tan lamentable.