A Deputación remata a urbanización das rúas da contorna da Pousada de Ribadumia

A institución provincial dedicou máis de 250.000 euros á construción de beirarrúas e dotación de servizos nas rúas 2 e 3 da urbanización Santa Eulalia
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado do alcalde de Ribadumia, David Castro. DP
photo_camera O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado do alcalde de Ribadumia, David Castro. DP

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado do alcalde de Ribadumia, David Castro, visitou esta mañá as obras que acaba de realizar a Deputación de Pontevedra nas rúas 2 e 3 da urbanización Santa Eulalia e coas que se remata a urbanización da contorna da Pousada de Ribadumia. Grazas a estes traballos, que supuxeron un desembolso de 256.000 euros, estase a resolver a situación de abandono herdada do anterior goberno provincial nesta zona.

As actuacións propostas tiveron por finalidade planificar a construción das beirarrúas necesarias para completar os itinerarios peonís que faltaban nas rúas 2 e 3 da urbanización Santa Eulalia, así como a resolución dos correspondentes servizos urbanísticos ata o enlace cos existentes. Neste senso, completáronse as redes de abastecemento, saneamento, telecomunicacións e iluminación pública (coa colocación de sete puntos de luz). Tamén se mellorou a drenaxe de augas pluviais coa colocación de sumidoiros e pozos de rexistro e construíuse a rede eléctrica.

Estas obras continúan a urbanización realizada anteriormente nas rúas 1 e 4, cun orzamento superior aos 211.000 €. Nestas rúas realizáronse labores de pavimentación e dotación de servizos, habilitáronse as áreas rodadas e peonís dos viarios e executáronse os servizos urbanísticos. Na rúa 1 completáronse as redes de abastecemento, saneamento, electricidade, alumeado público e telefonía, e tamén se executaron beirarrúas e se levou a cabo a reposición de firmes. Na rúa 4, ademais, proxectouse a urbanización completa dunha rúa de nova apertura.