A Deputación dotará de placas solares a varios edificios de Ribadumia

Caldas de Reis, Catoira, Dozón, Forcarei tamén recibirán melloras na eficiencia enerxética
Casa da cultura de Ribadumia. DS
photo_camera Casa da cultura de Ribadumia. DS

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar os proxectos para a contratación e subministración das obras de mellora da eficiencia enerxéticas en instalacións fotovoltaicas sostibles,que  beneficiarán aos concellos de Caldas de Reis, Catoira, Forcarei, Dozón e Ribadumia.

Serán 11 os edificios destes cinco concellos os que contarán coas instalacións solares fotovoltaicas, que serán de autoconsumo con vertido a rede de excedentes. A actuación custa 157.725 euros e conta cunha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) con fondos do Plan de Recuperación de 134.000 euros, o que supón o 85% do financiamento, entres que o 15% restante repártese a partes iguais entre a Deputación e os concellos.

No concello de Ribadumia as instalacións fotovoltaicas colocaranse na piscina e no Club Náutico, onde contarán cunha potencia eléctrica de 10 kW e unha produción anual estimada de 12.491 kW, na Casa da Cultura (10 kW e unha produción estimada de 13.019 kW) e no Complexo Deportivo (15 kW e unha produción anual estimada de 20.869 kW).