O Concello repartirá 890€ en premios ás mellores decoracións de Nadal

Alumbrado navideño de Ribadumia. CONCELLO
O obxectivo é pór en valor a creatividade dos veciños e veciñas de Ribadumia, así como decorar o municipio e todos os establecementos locais para impulsar o comercio nas datas festivas

O Concello convoca as bases para os dous concursos de decoración de Nadal que desenvolve cada ano. Trátase da III edición do Concurso de decoración de Nadal en fiestras e exteriores de vivendas e a III edición do Concurso con decoración de Nadal de escaparates e interiores de establecementos con sede no Concello de Ribadumia; este último, promovido pola asociación de comerciantes ‘Ribadumia Agárdate’ e en colaboración co Concello.

Con estas dúas convocatorias, preténdese promover a creatividade dos veciños e veciñas do municipio para que decoren os seus balcóns, fiestras, fachadas ou exteriores das súas vivendas para exaltar esta época de festividade do Nadal. Tamén se pretende axudar a dinamizar e impulsar a promoción do comercio local a través da decoración dos escaparates e interiores dos establecementos que teñan sede e desenvolvan a súa actividade en Ribadumia. En total, repartiranse 890€ en premios para gastar no comercio local do municipio.

A temática de ámbolos dous concursos é totalmente libre en canto a técnica e estilo. Valorarase a creación artística, a presentación, a creatividade a orixinalidade e os elementos característicos da nosa cultura e tradición, así como os adornos de Nadal feitos con material reciclado. Os veciños e veciñas de Ribadumia que queiran participar coa decoración dos seus fogares deberán expoñela entre o 8 de decembro de 2022 e o 7 de xaneiro de 2023. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata as 22:00 horas do 16 de decembro de 2022.

Unha vez rematado o prazo de inscrición nos concursos, o xurado reunirase para examinar as candidaturas presentadas e decidir os galardoados da presente edición. No caso do concurso de vivendas, o xurado estrará composto por dous representantes do Concello de Ribadumia e un representante da Asociación de Comerciantes de Ribadumia. Para o concurso de escaparates e interiores de establecementos, o xurado estará formado por un representante do Concello e dous representantes da Asociación de Comerciantes. Os gañadores e gañadoras dos dous concursos daranse a coñecer o día da Cabalgata de Reis, ademais de ser comunicados persoalmente e a través das redes sociais municipais.

Para coñecer máis información arredor de todas as condicións e dereitos dos concursos, pódense consultar as bases publicadas na web do Concello de Ribadumia ou no taboleiro municipal. Ademais, dende o Goberno local animan á veciñanza, comerciantes, hostaleiros e demais servizos do municipio a participar e así, entre todos, exaltar os valores do Nadal, fomentando o comercio local e decorando Ribadumia achegándose aos visitantes dos municipios veciños.

Premios do Concurso de decoración de Nadal de ventás e exteriores de vivendas
- 1º premio: 200€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.
- 2º premio: 140€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.
- 3º premio: 100€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.
Premios do Concurso de decoración de Nadal de escaparates e interiores de establecementos
- 1º premio: 200€ e un diploma de recoñecemento.
- 2º premio: 150€ e un diploma de recoñecemento.
- 3º premio: 100€ e un diploma de recoñecemento.