O Concello pronúnciase sobre a polémica da situación do Pazo Quinteiro da Cruz

O goberno local aclara que en ningún momento se instou á tala de todas as árbores do pazo
A masa arbórea invadindo a vía pública e o tendido eléctrico
photo_camera A masa arbórea invadindo a vía pública e o tendido eléctrico. DS

O Concello de Ribadumia decide aclarar a situación xurdida sobre o Pazo Quinteiro da Cruz (Rúa Cruz, 88, Lois-Ribadumia), tras as últimas aparicións en medios de comunicación en que se reflicte que hai un desentendemento entre a administración local e os propietarios do pazo sobre a tala de árbores e outras cuestións que o goberno local ve preciso clarificar. 

Este procedemento parte dun escrito veciñal, coa firma de 40 veciños e veciñas do lugar da Cruz, que foi presentado no Rexistro municipal o 14/02/2020, no que se relataba a existencia dunha finca cuxo arborado causaba “problemas de caída de ramas” na vía pública e se solicitaba que o Concello realizase “as xestións pertinentes para poñer solución ó problema tanto cos camiños municipais como coa estrada da Deputación”.

Unha vez recibido o documento, e tralas pertinentes consultas catastrais e no padrón de IBI rústica do Concello de Ribadumia, corroborouse que a solicitude veciñal referíase aos terreos pertencentes ao Pazo Quinteiro da Cruz. Posteriormente, remitiuse o escrito ao Servizo de Prevención de Incendios de Pontevedra para que se pronunciase sobre se este procedemento era da súa competencia, obtendo como resposta que a competencia era municipal por ser “unha parcela que se atopa no perímetro de solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable”. De acordo con isto, o Concello procedeu a visitar a finca denunciada, facer unha análise da demanda veciñal e redactar o correspondente informe, entre outros procedementos. 

Na visita de inspección comprobouse que a finca constaba dunha ampla masa arbórea, onde se sitúan varias especies de frondosas e coníferas, con ramas que invadían dominio público municipal, incidindo sobre o viario público e o tendido eléctrico. Así mesmo, identificouse maleza e a existencia de eucaliptos e pinos a unha distancia inferior a 50 metros das edificacións da contorna. Ademais, realizouse tamén unha reportaxe fotográfica da situación atopada na finca.

Antes de comunicar a situación aos propietarios, o Concello de Ribadumia estudou o asunto a través de diferentes normativas de aplicación, amparándose no Regulamento da Lei de solo de Galicia, a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e a Ordenanza municipal de limpeza e medio ambiente, de aplicación para as fincas do Concello de Ribadumia. 

Posteriormente, a administración local instou aos propietarios do pazo á xestión da biomasa na franxa prevista de 50 metros, coa retirada da biomasa vexetal e das especies pertinentes (que unicamente implica a aquelas previstas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, entre elas eucaliptos e algúns tipos de piñeiros, pero en ningún caso frondosas). Amais, solicitouse tamén “a corta de toda a maleza” da finca e “a corta de todas as ramas que invadan o dominio público, xa que xeran inseguridade, insalubridade, inaccesibilidade, ornato público e alto risco de incendio no entorno”. Todos estes requirimentos debían facerse “nun prazo improrrogable de 15 días” e, unha vez feitos, debían “comunicar ao Concello a finalización dos mesmos” achegando probas fotográficas que así o xustificasen. 

Con estas declaracións, o goberno local quere aclarar que en ningún dos documentos existentes no procedemento se pide a tala completa de árbores que non estea contemplada na lexislación autonómica, nin tampouco de ningunha especie protexida, polo que son absolutamente falsas este tipo de afirmacións que se están a facer.

O único fin que se pretende desde o Concello de Ribadumia é manter o coidado das fincas e do viario público do municipio dando cumprimento á lexislación autonómica e municipal vixente, da mesma forma que se aplica ó resto da veciñanza de Ribadumia que está nas mesmas circunstancias.