O centro de saúde de Ribadumia rematará en breve as obras de remodelación e mellora

Interior do centro de saúde de Ribadumia. DS
Con esta actuación o centro de Atención Primaria incrementará o seu número de consultas nun 50%, pasando das 6 das que dispoñía ata as 9 consultas

A Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés rematará nas vindeiras datas as obras de remodelación e mellora do centro de saúde de Ribadumia, localidade onde a Administración Sanitaria Pública galega investiu unha partida orzamentaria de 56.000 euros para dotar ao citado punto de Atención Primaria dun maior número de espazos de consultas que aporten un maior confort aos usuarios e profesionais que prestan servizo neste centro de saúde. 

Co remate das actuais obras de mellora e remodelación, o centro de saúde ribadumiense incrementará notablemente o seu número de consultas nun 50%, pasando das 6 das que dispoñía ata as 9 consultas, quedando distribuídas do seguinte xeito: na área Pediátrica, 1 consulta pediatría e 1 de enfermería pediátrica; na área xeral contaráse con 3 consultas Medicina de Familia e 3 consultas de enfermaría; e na área de urxencias, 1 consulta polivalente e un box de urxencias.

Así mesmo, os traballos contemplan a renovación da súas áreas de administración e de cita previa, á vez que se dota dunha sala de reunións/descanso e un aseo para os profesionais. 

A Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén renovou con este proxecto arquitectónico os seus aseos de público, cunha especial aportación no aseo adaptado, que veu mellorada a súa funcionalidade e se redeseñou para prestar servizo hixiénico a pacientes ostomizados desta comarca. 

Outras actuacións integradas no Plan de Mellora da Atención Primaria

Dita actuación forma parte dás obras do Plan de Mellora da Atención Primaria que, na Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés contemplaron tamén intervencións de mellora nos centros de saúde de Virxe Peregrina en Pontevedra, Tenorio en Cerdedo-Cotobade, Vilanova de Arousa, San Roque en Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.