Cabalgata, música e inchables para festexar o Nadal en Ribadumia

As actividades comezaron esta fin de semana coa inauguración da zona de inchables e continuarán ata o día 5 de xaneiro
As actividades comezaron esta fin de semana coa inauguración da zona de inchables. DS
photo_camera As actividades comezaron esta fin de semana coa inauguración da zona de inchables. DS

O municipio de Ribadumia vive dende esta fin de semana a celebración por todo o alto das datas ao redor do Nadal cunha completa programación que continúa este domingo na zona de inchables para os máis pequenos, habilitada no pavillón de Barrantes, e que estará activa de 16.00 a 21.00 horas, e co concerto de Nadal no auditorio, a cargo da Banda Municipal de Ribadumia, en colaboración co Grupo de Música Tradicional Maravallada de Pontevedra, a partir das 19.00 horas.

A actividade seguirá o venres 23 de decembro, cun concerto con fins solidarios a cargo da Agrupación-Músico Cultural de Ribadumia no auditorio municipal, que servirá para facer unha recollida de alimentos en favor de Cáritas (21.00 horas). O sábado 24, Papá Noel chegará ao municipio para repartir caramelos e ilusión entre pequenos e maiores. Desde as 11.00 horas fará o seu percorrido por Barrantes e, a partir das 17.00 horas, será a quenda da parroquia de Ribadumia.

O martes 27 de decembro, ás 17.00 horas, o Apalpador estará no Centro Social de Barrantes acompañado do acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor, unha tradicional figura do Nadal galego que pretende fomentar a dinamización da lingua, o respecto polo medio ambiente e os hábitos de alimentación saudables, entre outros valores.

Ao día seguinte, o mércores 28, será a quenda do Paxe Real, que estará no edificio do Concello de 11.30 a 13.00 horas, repartindo lambonadas e recollendo a correspondencia destinada aos Reis Magos. O xoves 29, a partir das 17.00 horas, a Casa da Cultura acollerá o obradoiro de personalización de bolsas de tea, unha actividade coa que os pequenos e pequenas de entre cinco e 12 anos poderán elaborar e decorar as súas bolsiñas con elementos propios do Nadal. As prazas para inscribirse neste obradoiro son limitadas. O seguinte obradoiro terá lugar o día 3 de xaneiro no mesmo emprazamento e á mesma hora, cun taller de cociña no que a cativada poderá poñer en práctica a súa creatividade elaborando galletas con formas e decoración de Nadal.

Xa o venres 5 de xaneiro, a partir das 18.30 horas, Ribadumia recibirá a visita dos Reis Magos. O percorrido da Cabalgata comezará desde Os Castaños ata a Praza do Concello, onde terá lugar a recepción oficial das Súas Maxestades de Oriente. Entre a comitiva estarán presentes tamén un Boymax xigante e dúas personaxes de Marvel, entre outras figuras de animación das que gozarán os máis pequenos. A música irá a cargo da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia a ritmo de panxoliñas e demais cancións típicas do Nadal. Haberá tamén flocos de millo e algodón de azucre para amenizar o percorrido.

Dende o Goberno local quixeron convidar a todos os veciños e veciñas do municipio a asistir aos actos preparados para estas festas, cunha oferta de entretemento que incorpora actos de diversa índole e para todos os gustos, onde se poderá gozar tanto cos amigos como coa familia, cos máis pequenos como principais protagonistas.