O Auditorio de Ribadumia énchese de actos en conmemoración do 25-N durante a fin de semana

O Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller celebrarase a lectura do Manifesto e unha performance, ás 20:00 horas ▶ En repulsa ante este tipo de violencia, o goberno local ofrece, durante todo o mes de novembro, programación relacionada co 25-N, amais da exposición da campaña na entrada do edificio do concello e a iluminación deste en cor morada

Mostra Campaña concello de Ribadumia polo 25-N. CEDIDA
photo_camera Unha mostra da campaña do Concello polo 25N. CEDIDA

Esta fin de semana, a programación do Auditorio Municipal de Ribadumia comparte o mesmo obxectivo, que é homenaxear o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, que se celebra cada 25 de novembro. Dende o venres ata o domingo, a veciñanza poderá acudir aos eventos que se celebrarán nesta instalación. 

O venres 25 de novembro ás 20:00 horas, terá lugar a lectura do Manifesto e unha performance sobre esta temática. Anterior á celebración deste acto, inaugurarase na mesma localización a exposición Non somos números, do fotógrafo Alberto Medrano e organizada pola asociación ESMAR Non á Violencia. 

O sábado, ás 20:00 horas, a Asociación ESMAR organiza unha gala solidaria presentada polo actor e produtor Rubén Riós. Amais, este evento contará coa presenza de Marietta, Onte e Hoxe, Asociación Obradoiro Cultural Volandeira, Ximena Rodríguez, Grand Jeté. 

O domingo, ás 19:00 horas, a produtora De Ste Xeito, representará Feminíssimas, unha obra de teatro que mostra a visión de tres amigas que teñen distintas maneiras de entender o feminismo. Trátase dunha posta en escena indicada para público adulto con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres se analiza (dende a comedia) como conviven as mulleres neste mundo. A entrada será libre ata encher aforo. 

Ademais, dende o 10 de novembro levan desenvolvéndose actividades en relación ao 25-N no municipio, tales como exposicións, obradoiros ou charlas. O edificio do Concello de Ribadumia está iluminado coa cor morada en conmemoración desta causa dende o pasado luns, e a entrada está decorada cun escaparate da campaña deseñada para este ano.