O auditorio municipal de Ribadumia ofrece cine e música durante a fin de semana

Este sábado haberá sesión cinematográfica coa película ‘O fillo de Manuel’ e o domingo será a quenda do grupo Arosa Bay
Auditorio de Ribadumia. DS
photo_camera Auditorio de Ribadumia. DS

A programación do Auditorio de Ribadumia continúa achegando entretemento a todos os veciños e veciñas do municipio e arredores durante todas as fins de semana. Desta volta, ofreceranse contidos cinematográficos e musicais para que tanto os maiores e os máis cativos/as poidan achegarse e gozar do entretemento que o Concello de Ribadumia lles ten preparado. Deste xeito, o sábado 10 de decembro, ás 19.30 horas, terá lugar a programación organizada pola A.G.C. Festa do Polo, onde a Asociación Cultural Grupo de Teatro Alecrín de Ribadumia estreará o sketch Haberá voda e, posterior a esta representación, proxectarase a película O fillo de Manuel

O domingo 11 de decembro, ás 19.00 horas, o grupo Arosa Bay levará ao municipio a mellor música a ritmo de habaneras, boleros, cancións portuguesas e son cubano. Tanto o cine como o concerto son actuacións aptas para todos os públicos e toda esta oferta é de balde e ata completar o aforo do Auditorio. Durante o resto do mes ofreceranse dous concertos máis: O primeiro, a cargo da Banda Municipal de Ribadumia e o segundo, organizado pola Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, que será de carácter solidario con recollida de alimentos a favor de Cáritas

Con esta variedade de programación, o Concello de Ribadumia pretende ofrecer diferentes opcións de entretemento para todos os gustos e idades. Desde o Goberno local convidou a toda a veciñanza do municipio e arredores a asistir a todos os eventos programados para que gocen de fins de semana animadas no municipio.