Agustín Reguera visita as obras de mellora do CPI Julia Becerra Malvar

Os traballos foron posibles grazas a unha inversión da Xunta de preto de 90.000 euros

Agustín Reguera xunto a David Castro na súa visita ao CPI Julia Becerra Malvar. DS
photo_camera Agustín Reguera xunto a David Castro na súa visita ao CPI Julia Becerra Malvar. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este venres o resultado das obras levadas a cabo no CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia, acompañado do alcalde do municipio, David Castro.

En concreto, os traballos consistiron na instalación dunha cuberta na zona do acceso ao centro, que evitará que pais e alumnos se mollen nos días de choiva. Ademais, realizouse un acondicionamento dos aseos. Ambas actuacións foron posibles grazas a un investimento por parte da Xunta de preto de 40.000 e 50.000 euros respectivamente. 

Cabe destacar que o centro foi renovado e reacondicionado hai tres anos cunha obra que superou os 800.000 euros de inversión e que permitiu renovar boa parte deste edificio inaugurado nos anos 60. Ao tratarse dunha actuación que tiña como obxectivo principal a eficiencia enerxética, os aseos non entraron en dita renovación. 

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar o compromiso da Xunta co sector educativo e o esforzo constante para que “tanto o alumnado como o profesorado galegos traballen nas mellores condicións posibles”.