A Xunta autoriza o Plan de sustentabilidade turística ‘A Gastromeca’

A gastronomía do Grove é un referente para o sector turístico nacional e internacional. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O proxecto de colaboración co Concello conta cun orzamento de 2 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e o Concello para a execución do Plan de sustentabilidade turística ‘A Gastromeca’. Trátase dun proxecto para a construción dun novo modelo baseado na emoción e a autenticidade a través da súa cultura gastronómica no marco do Plan territorial de sostibilidade turística enogastronomía de Galicia. Conta cun orzamento de 2 millóns de euros.

Este plan ten como obxectivo consolidar O Grove nun destino turístico cunha oferta diversificada e desestacionalizada, tendo como alicerces fundamentais a transición verde e sustentable e a dixitalización. Ao mesmo tempo, pretende crear novos fluxos turísticos para aumentar a visibilidade da zona rural de San Vicente e converter a gastronomía no fío condutor para impulsar o resto dos recursos do destino. Como accións emblemáticas destacan a adecuación verde e eficiente do museo da salgadura ‘Salgadeiras de Moreiras’ e do mercado de abastos, co fin de dar acollida a eventos gastronómicos auténticos e diferenciadores.

Inclúe tamén a campaña de concienciación ambiental sobre a separación dos biorresiduos, a ruta dos muíños da Cova da Loba, iluminación eficiente no parque dos Grobbits; instalación de bicicletas eléctricas e puntos de recarga, creación de áreas de descanso e puntos de auga nos paseos marítimos, destino pet friendly, proxecto de creación de refuxios oníricos e a rehabilitación das pasarelas de acceso a praias con establecementos de restauración, entre outras.