As Tanxugueiras poñen o broche de ouro aos Concertos do Marisco do Grove

As pandereiteiras abarrotaron na noite de onte a Carpa de Concertos na Praza do Corgo. Á gran actuación precedeuna o concerto do grupo local feminino “5 en Zocas”. 

Actuación das Tanxugueiras na Festa do Marisco do Grove. DP
photo_camera Actuación das Tanxugueiras na Festa do Marisco do Grove. DP

Se había un concerto agardado na Festa do Marisco, ese era o de Tanxugueiras. As abandeiradas da foliada neste 2022 levan enchendo escenarios durante todo o verán na península ibérica, e no Grove non iba ser diferente.

Grupos de amigos, familias enteiras de diversas partes da xeografía galega comezaron a ateigar os arredores da Praza do Corgo dende a primeira hora da tarde, facendo unha parada previa nas Carpas Degustación, para despois coller sitio na Carpa de Concertos, sabendo que xa non ía coller unha agulla.

As Tanxugueiras encheron a carpa dos Concertos do Marisco. DP
As Tanxugueiras encheron a carpa dos Concertos do Marisco. DP


E as Tanxugueiras non defraudaron. Pano Corado, Figa, Seghadoras, e por suposto, Terra, fixeron cantar e bailar a todo o público presente, que gozou dun concerto para a historia da Festa do Marisco.

Con esta actuación púxose o broche de ouro a uns Concertos do Marisco, que gozaron dunha asistencia sen precedentes, superando a barreira das 30.000 persoas ao longo dos 12 días de celebración.
Antes das Tanxugueiras as subíronse as grovenses 5 en zocas, para dar comezo así a unha espectacular noite de foliada en feminino.

O grupo 5 en zocas actuou previamente ao concerto das Tanxugueiras. DP
O grupo 5 en zocas actuou previamente ao concerto das Tanxugueiras. DP


En declaracións do alcalde, José Antonio Cacabelos, “o das Tanxugueiras era a gran actuación dos Concertos do Marisco deste ano, coa gran cantidade de seguidores que gañaron despois do seu paso polo Benidorm Fest”.
“Era un dos concertos máis esperados, que estaba previsto que se celebrara no 2020 antes da pandemia. Finalmente neste ano si puidemos gozar dunha foliada que permanecerá na memoria de todos presentes durante moito tempo” engadiu o rexedor.
“Valoramos moi positivamente a repercusión dos Concertos do Marisco desta edición, pois foron un éxito total de asistencia, con xente chegada expresamente de diferentes puntos de toda a península ibérica que viñeron a ver os concertos, pero que ao final se quedaron e probaron boa parte das propostas gastronómicas que ofrecemos nos stands das Carpas Degustación”, concluíu o dirixente.