A Subdelegación promove a regueifa entre a mocidade no IES Monte da Vila

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra dou inicio este luns no IES Monte da Vila do Grove. DS
A experiencia “Regueifando en Igualdade” chegará a máis 250 alumnos e alumnas de secundaria de tres centros educativos da provincia

Tras dar inicio ao programa de actos con motivo do 25N coa ampliación da MAVI (Maleta viaxeira contra a violencia de xénero) a cinco novos concellos e entidades, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra dou inicio este luns no IES Monte da Vila do Grove ao programa Regueifando en Igualdade. Esta iniciativa busca dar a coñecer entre o alumnado novas ferramentas discursivas a través da improvisación oral, co fin de afrontar diferentes situacións cotiás desde a igualdade de xénero, o respecto pola diversidade e a loita contra a violencia de xénero, ao tempo que se favorece a conservación da regueifa, como figura da tradición oral galega.

Os obradoiros iniciáronse esta mañá no Grove coa presenza da subdelegadado Goberno en funcións, Mabel Alonso; a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy; o alcalde, José Cacabelos, e a tenente de alcalde da localidade arousá, Ángeles Domínguez.  Ao longo das próximas semanas esta experiencia chegará a máis de 250 alumnos e alumnas de entre 12 e 16 anos de tres centros educativos da provincia. 

A actividade é dirixida pola regueifeira Lupe Blanco. Ao longo de cada sesión os alumnos e alumnas viven en primeira persoa a demostración dunha regueifa  e afondan na historia da regueifa e da improvisación oral polo mundo. Así mesmo, incídese no papel da muller na regueifa e do paso do “machismo tradicional” á “regueifa do S.XXI”. Os talleres son dinámicos e participativos. Neles os estudantes aprenden a construír unha regueifa e rematan improvisando coplas en equipo.