O II Ciclo Mestre Mateo encherá coas súas proxeccións o auditorio do Grove

Ademais do municipio do Salnés, o circuito cinematográfico terá paradas en A Guarda, Baiona, A Estrada e Caldas
Auditorio municipal de O Grove. DS
photo_camera Auditorio municipal de O Grove. DS

O ciclo Mestre Mateo, que destaca as películas finalistas dos premios do audiovisual galego, regresa á provincia de Pontevedra. Nesta ocasión, as proxeccións de longametraxes de ficción e documentais levaranse a cabo nos municipios de Baiona, A Estrada, O Grove, Caldas e A Guarda, que se unen á rede de salas do ciclo. Esta colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra achega o mellor do cinema galego recente ao público destas cinco localidades, que toman a substitución de Redondela, Cambados, Poio, Ponteareas e Forcarei, que acolleron con éxito o ciclo na súa primeira edición.

Estes municipios exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo. 

O resto de títulos do programa son, ademais de Código Emperador e Live is life, o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no Ourense Film Festival.