Román Rodríguez celebra os novos achados no xacemento de Adro Vello

Momento da visita ao Adro Vello. GONZALO GARCÍA
O conselleiro de Cultura e a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo visitaron esta zona arqueolóxica do Grove, que se atopa nos primeiros días de traballo

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este sábado, xunto a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, a zona arqueolóxica de Adro Vello, no concello do Grove. A Xunta de Galicia vén de comezar no lugar novos traballos de posta en valor cun investimento de 200.000€ e na actuación colabora tamén a Universidade de Vigo.

O responsable autonómico de Cultura celebrou os novos achados realizados nos primeiros días de traballo. Neste senso, explicou que a actuación xa permitiu sacar á luz unha moeda e un coitelo cun mango feito de oso. “Estes restos poñen de manifesto a importancia deste espazo único en Galicia que conta cunha gran importancia histórica, arqueolóxica, científica e cultural”, salientou Román Rodríguez.

“O conxunto arqueolóxico Adro Vello é clave para comprender o pasado e presente desta comarca, o que o convirte nun recurso de primeira magnitude e nunha das zonas arqueolóxicas máis destacadas do noroeste peninsular”, engadiu.

Neste ocasión, as tarefas contempladas no traballo de campo, en marcha ata o mes de setembro, inclúen labores de escavación, consolidación e posta en valor desta zona situada no bordo da praia do Carreiro co fin de determinar con maior exactitude a súa cronoloxía e funcionalidade desta área. Xa o ano pasado levouse a cabo unha primeira actuación que revelou un xacemento moi rico no que se visualizan 18 séculos da historia de Galicia cunha intervención que contou cun investimento de 50.000€.

Co fin de dar a coñecer entre a cidadanía os resultados que se van acadando ofreceranse visitas guiadas os vindeiros días xoves 20 e venres 21 de xullo ás 10.30, 12.00 e 17.30 horas.