O pulpeiro da Festa do Marisco doa o premio no Fórum Gastronómico da Coruña á AECC

O pulpeiro Jaime Méndez doou a cuantía do seu premio á AECC. FP
O cociñeiro do Grove quedou terceiro clasificado no VIII Concurso de Pulpeiros da Coruña

O pulpeiro Jaime Méndez decidiu doar os cartos recibidos por acadar o terceiro posto no Fórum Gastronómico da Coruña á Asociación Española Contra el Cáncer do Grove.

O cociñeiro acadou o terceiro posto no VIII Concurso de Pulpeiros do evento que se celebrou na Coruña desde o 25 ao 27 de setembro. Esta martes o alcalde estivo presente no acto de doazón, xunto co pulpeiro e representantes da delegación da asociación no Grove. "Esta distinción serviu para promocionar a Festa do Marisco, tendo en conta que o polbo é un dos produtos máis demandados ano a ano na nosa cita gastronómica", manifestou o rexedor local, José Antonio Cacabelos.

Para o cociñeiro grovense “é un orgullo que te distingan con este tipo de recoñecementos". "Isto permite tamén levar o nome do Concello do Grove e os seus produtos do mar a eventos deste calibre, que alcanzan a persoas do mundo da cociña en todo o mundo”, sinalou Méndez, propietario do Almacén do Avó, posto encargado de servir o polbo todos os días na Festa do Marisco do Grove.