O PP destaca o magnífico traballo da Consellería da Cultura en Adro Vello

Pide ao Concello do Grove que se poña ao carón do Goberno galego e se implique decididamente no proxecto e empurre na mesma dirección
Adro Vello en O Grove. DS
photo_camera Traballos de restauración no xacemento. DS

O Partido Popular do Grove amosou a súa satisfacción pola declaración de Adro Vello como BIC e destaca o magnífico traballo da Consellería de Cultura co xacemento. “Tanto nos despachos, dando pasos firmes que dotan a este lugar da máxima protección, como no propio xacemento, onde o se está dando pasos para a posta en valor dun dos tesouros arqueolóxicos máis interesantes de Galicia”. 

Nesta liña, o candidato popular Pablo Leiva destaca que “hai que alegrarse ademais de que os traballos continúen cunha nova campaña de escavacións e de estudo no verán, que van dar outro pulo importante a este xacemento e nos aproxima a conseguir un obxectivo moi anhelado polos grovenses”.

Desde o PP recordan que o Conselleiro de Cultura Román Rodríguez comprometeuse en febreiro de 2020 con Adro Vello, e desde entón está empurrando e liderando con forza este proxecto.

Con todo, esperan que o Concello do Grove, o Goberno central e a Deputación de Pontevedra dean un paso ao fronte e se impliquen en Adro Vello, "unha implicación real, máis aló de esixirlle aos demais". Recordan os populares que o xacemento é propiedade de Costas do Estado e que o xestor e responsable da limpeza é o Concello do Grove. Polo tanto, eles son quen teñen competencias no lugar. E reclaman tamén á Deputación de Pontevedra que actúe en Adro Vello coa mesma dilixencia que fixo noutros castros da provincia grazas a un convenio asinado con Fomento en 2015. Nesta liña, recordan que hai unha concelleira socialista do Grove que é deputada provincial, "e aínda así, a actuación da institución provincial no castro ata o de agora foi nula". Por iso, unha vez que o Goberno galego toma a iniciativa, o resto de administracións colaboren de forma estreita e decidida poñéndose ao carón da Xunta de Galicia e empurrando na mesma dirección.

Por último, desde o PP local aproveitan para felicitar ao Náutico de Pedras Negras e á parroquia de San Vicente, que liderando aos veciños, impulsaron o expediente de protección desta interesante área do noso concello.